Arranca unha nova campaña arqueolóxica en Armea

Desde este luns e ata finais de xullo, un equipo dirixido polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) do campus de Ourense desenvolve unha nova intervención arqueolóxica ná ‘Cibdá’ romana ou Castro de Armea para continuar afondando no coñecemento deste enclave do Concello de Allariz. Máis dunha vintena de persoas, entre persoal investigador e de apoio e alumnado, participa nesta campaña ao longo do mes de xullo.

“A campaña de escavación de 2019 en Armea inaugura un novo período de intervencións que continuarán ata o ano 2022 grazas ao novo convenio específico asinado en maio deste ano entre o Concello de Allariz e a Universidade de Vigo”, comenta Adolfo Fernández, director do proxecto e membro do Geaat. Logo de oito campañas consecutivas de traballo neste enclave, subliña o arqueólogo, “o proxecto de Armea sitúase como o máis lonxevo da arqueoloxía académica galega”.

Ler a noticia completa no DUVI