Catro mulleres de ciencia, catro experiencias vitais

Analizaron os atrancos cos que se atoparon nas diferentes etapas profesionais

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Dende diferentes eidos do coñecemento, diferentes campus e diferentes etapas profesionais, catro mulleres investigadoras participaron este mércores nunha charla interxeracional enmarcada dentro das actividades organizadas pola Universidade de Vigo co gallo da celebración do Día Internacional da Muller a Nena na Ciencia. As protagonistas da cita foron Talía Rodríguez, do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade; Cristina Delgado, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal; Susana Reboreda, da Área de Historia Antiga e Carmen García Mateo, catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadora de atlanTTic. Cada unha delas relatou como foi súa etapa académica e como se desenvolveu a súa traxectoria profesional ata a actualidade. A pesar de que a separan décadas, coincidiron en que queda moito por facer, que a loita é continua, que as desigualdades de xénero son maiores canto máis se sube na escala profesional e que, en moitas ocasións, son as propias mulleres as que se poñen barreiras.

A encargada de moderar o debate, que tivo lugar no edificio Redeiras, foi a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, que destacou que esta é unha iniciativa impulsada pola Unidade de Cultura Científica que ten como finalidade que estas catro mulleres, en diferentes etapas da súa carreira profesional, compartan as súas experiencias como mulleres na ciencia e analicen as dificultades que se atoparon para desenvolver a súa carreira científica, como o teito de cristal ou a fenda de coidados.

Ler a nova completa no DUVI