Fai Historia con nós

A II Olimpíada Galega de Historia abre o prazo de inscrición

A competición celebrarase o día 24 de maio no campus

Os centros de ensino galegos xa poden inscribirse na II Olimpíada Galega de Historia. Fai Historia con Nós, que organiza a Facultade de Historia do campus de Ourense. Este martes presentouse a convocatoria deste ano, “unha versión mellorada da primeira”, na que o alumnado de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria poderá pór a proba os seus coñecementos ao mesmo tempo que se divirte.

20190212

Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, salientou como os bos resultados acadados na edición do pasado ano, a primeira que se celebrou, animaron ao centro a dar continuidade á iniciativa. Os obxectivos da olimpíada, explicouse na súa presentación, son promover o interese do alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria pola historia; visibilizar a importancia do seu ensino e a aprendizaxe ao mesmo nivel que materias de outros ámbitos de coñecemento e destacar o aspecto lúdico da súa aprendizaxe. A iniciativa tamén quere estreitar as relacións entre os centros galegos e a Universidade de Vigo, dar a coñecer a Facultade de Historia e o campus de Ourense entre o alumnado interesado no ámbito humanístico e fomentar a relevancia das disciplinas humanísticas para a comprensión do mundo actual e a súa mellora. A competición contará coa colaboración de diversas entidades como son o Consello Social da Universidade de Vigo, o Concello e a Deputación de Ourense e empresas como Caldaria e Coren.


Ler a noticia completa no DUVI