Unha ollada á Prehistoria e á Antigüidade feita por novas e novos investigadores

Estiveron organizadas pola súa delegación de alumnos e alumnas

Imaxe de grupo das e dos participantes na xornada

A Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu este martes a celebración da oitava edición das Xornadas de Novos Investigadores, organizadas pola súa Delegación de Alumnos e Alumnas co apoio do centro. Unha vez máis, novos e novas investigadores procedentes de universidades estatais reuníronse para visibilizar os seus primeiros traballos, compartir coñecementos e inquedanzas e dar pulo á investigación feita polas novas xeracións. Nesta ocasión, os temas abordados centráronse na vida cotiá na Prehistoria e na Antigüidade.

A xornada, aberta a todas as persoas interesadas, contaron coa participación de investigadores e investigadoras como María Aidé e Nicolás Soriano, da Universidad Autónoma de Madrid; Carmen Casero e Antonio Pío, da Universidad de Jaén, e Borja Rey, da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa inauguración, Susana Reboreda salientou o esforzo feito pola delegación de alumnos e alumnas do centro para desenvolver unhas xornadas que cada curso permiten aos novos investigadores e investigadoras dar a coñecer e compartir os seus traballos. Desde a Delegación de Alumnos e Alumnas destacaron pola súa banda o interese destas xornadas en canto permiten a investigadores e investigadoras compartir con iguales o traballo que están a desenvolver, ademais de coñecer investigacións feitas recentemente en diferentes áreas de estudo.

Ler a noticia completa no DUVI