O Premio Taboada Chivite distingue un traballo que explica a orixe da diversidade de medida dos ferrados

A súa hipótese apunta a que o mapa metrolóxico correspóndese nun 92% co mapa dos antigos concellos

O premio da 2ª Edición do Premio Xesús Taboada Chivite, convocado pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín co apoio técnico de profesorado do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo, foi concedido por unanimidade este venres a Rubén Castro. No traballo galardoado, titulado De señores, señoríos e medidas do país: cartografía metrolóxica da Galicia moderna, o historiador lanza unha hipótese para explicar por que a medida dos ferrados é tan diversa no territorio galego.

A colaboración nesta segunda edición do premio, que estaba sen convocarse desde o ano 2007, do profesorado da Facultade de Historia Susana Reboreda, Fermín Pérez, Adolfo Fernández, Jesús de Juana e Julio Prada, materialízase nunha asistencia técnica que abrangue a divulgación do premio, a revisión das bases da convocatoria, a selección do panel do xurado, a avaliación das candidaturas e a organización do acto de entrega do galardón, que se celebrará en Verín. Os integrantes do xurado, que se reuniron este venres en Monterrei, foron Fátima Brañas, antropóloga e profesora Facultade de Ciencias de Educación do campus de Ourense; Xulio Rodríguez, arqueólogo e director do Museo Arqueolóxico de Ourense; Xosé Carlos Sierra, arqueólogo e antigo director do Museo Enolóxico de Ribadavia, e Pedro López e Roberto López, historiadores e profesores da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa resolución o xurado resalta o traballo de investigación levado a cabo polo autor da investigación, valorando que “parte dunha hipótese de interese que conxuga a metroloxía coa xurisdición e trata os ámbitos de historia política, administrativa e social, achegando unhas conclusións e un apartado cartográfico que este xurado entende son de relevancia para os campos académicos sobre os que versa esta edición”.

Ler a noticia completa no DUVI