29 centros educativos compiten na IV Olimpíada Galega de Historia

Con moitas ganas e algo de nervios, 29 equipos formados por alumnado de 4º curso de Educación Secundaria Obrigatoria de centros das catro provincias arrancaron este venres a súa participación na IV Olimpíada Galega de Historia. Fai Historia con Nós. A cita, organizada pola Facultade de Historia, celebrou a súa primeira fase clasificatoria de xeito virtual, competindo cada equipo desde o seu centro educativo. Os catro equipos clasificados disputarán a fase final o día 28 de maio no campus de Ourense.

Na inauguración da olimpíada, que se desenvolveu a través do Campus Remoto da UVigo e foi emitida a través de UVigo TV, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, deulle a benvida ao alumnado participante e aos seus titores e titoras agradecéndolle a súa implicación nesta iniciativa. Nas súas palabras, o reitor recalcou a importancia de traballar desde o eido educativo para que “a xente nova sexa consciente da historia da humanidade e do noso pobo”, subliñando como “unha sociedade máis xusta, máis próspera, máis humana, ten que coñecer a súa historia”. Nesta tarefa, Manuel Reigosa quixo dar os parabéns á Facultade de Historia ourensá por esta olimpíada que, indicou, é unha mostra máis de como este centro “está moi vivo e traballa arreo”.

Pola súa banda, Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, salientou a emoción de poder celebrar unha cuarta edición desta actividade e da boa acollida por parte de alumnado, profesorado e centros educativos. A responsable académica lembrou como esta olimpíada é “unha iniciativa única en Galicia e unha das escasas que se celebran en España no eido da historia”, apuntando como doutas materias “si hai moitas máis competicións deste tipo e que levan moitos anos celebrándose”. Na súa intervención, Susana Reboreda destacou desta cita como aínda que non todos os integrantes dos equipos participantes van a realizar estudos de Historia no futuro, todas e todos os participantes “estamos unidos polo amor ás humanidades”. Neste senso recalcou o seu agradecemento polo esforzo feito por alumnado e titores e titoras na preparación da súa participación nesta olimpíada que, indicou, cada ano vai adaptando o seu formato para mellorar a súa calidade atendendo ás necesidades de cada momento, como nas dúas últimas edicións as limitacións provocadas pola pandemia.

Ler a nova completa no DUVI