Alumnado da ESO expón na Facultade de Historia os seus traballos sobre o mundo clásico

Arredor dunha trintena de estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria do Colexio Santo Ángel (Calasancias) de Ourense expuxeron este luns na Facultade de Historia do campus os traballos que realizaron no marco do proxecto Conecta sobre o mundo clásico. Rapazas e rapaces pisaron, en moitos casos por primeira vez, a universidade no marco dunha iniciativa que quere precisamente achegar esta institución académica a centros educativos.

Conecta é unha actividade posta en marcha este curso académico polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT), o Grupo de Innovación Docente ODS Cities and Citizenship e a Facultade de Historia, estando á súa fronte a profesora Susana Reboreda, da Área de Historia Antiga da UVigo. Segundo explicou, a iniciativa está en relación coa actividade Tendendo Pontes, as xornadas de intercambio de experiencias en innovación docente no ensino secundario e a Universidade que cada curso académico organiza a Facultade de Historia, e coas actividades de achegamento a centros educativos que realiza a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade. O seu obxectivo nesta edición foi espertar a curiosidade do alumnado pola xeografía e a historia e ofrecerlles un primeiro contacto directo positivo co ámbito universitario.

Un tema clásico, un formato actual

O proxecto arrancou no mes de novembro e nel participaron a case trintena de alumnas e alumnos de terceiro curso de ESO do Colexio Santo Ángel de Ourense que cursan a materia de Cultura Clásica, impartida pola historiadora e egresada da Facultade de Historia do campus de Ourense Marta López. A súa primeira actividade consistiu na visita de Susana Reboreda ao centro educativo, onde lles falou sobre o mundo clásico en consonancia co curriculum da materia, abordando temas como o oráculos de Delfos e o culto en Grecia. A partir de aí, o alumnado, dividido en grupos, elaborou traballos sobre unha listaxe de temas propostos, como a festa das Panateneas e a muller e a infancia en Grecia e Roma. O formato elixido foi o de infografía, “co obxectivo de fuxir dos traballos clásicos e traballar tamén as competencias dixitais”, segundo explicou a profesora Marta López.

Os resultados dos traballos foron expostos este luns por cada grupo de escolares na Facultade de Historia, amosando a organización da actividade a súa satisfacción polos bos resultados acadados e felicitando por eles a rapazas e rapaces. “Son un grupo moi bo, que se involucra moitísimo en todo, tamén neste proxecto, dedicando moito tempo aos traballos e a preparar as infografías. Estamos moi contentos co resultado do proxecto”, indicou a profesora do Colexio Santo Ángel. Ademais de expor os seus traballos, o alumnado foi recibido por Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, e Julio Prada, decano da Facultade de Historia, e visitaron instalacións de interese para elas e eles, como o Laboratorio de Arqueoloxía e a Biblioteca de Rosalía de Castro do campus de Ourense.

Ler a noticia completa no DUVI