Fai Historia con nós

Crosscult - Coñecemento de Europa a través da conexión dos seus bens culturais

A EE de Telecomunicación e a Facultade de Historia participan con outros dez socios no proxecto europeo.

Tras máis de dúas décadas investindo grandes cantidades de cartos na dixitalización de recursos culturais e educativos, hai algún uso para eses contidos máis aló de estar dispoñibles nos paneis informativos, pantallas interactivas ou sitios web dos museos e centros que os albergan? Un grupo de 11 socios de sete países europeos, no que se inclúen investigadores e investigadoras da área TIC, das ciencias sociais e as humanidades, pensan que si e por iso acordaron unir forzas para desenvolver o proxecto CrossCult. Esta iniciativa, que se aliña coa convocatoria europea Reflective-6 do programa H2020 da Unión Europea dirixida a favorecer a diseminar a cultura e a historia de cada país da UE por todos os demais, acadou unha subvención de máis de 3,5 millóns de euros e ten a súa orixe en 2014, nas conversacións entre investigadores do Luxembourg Institute of Science and Tecnology, LIST e as universidades de Vigo e do Peloponeso, que desde 2007 coincidían en congresos especializados na área da web semántica e os sistemas de información intelixente. CrossCult pretende, aproveitando precisamente a tecnoloxía da web semántica, fomentar a reutilización de todo o volume de contido dixital que xa existe, máis aló da área de influencia dun museo concreto, formando parte de narrativas diversas, construídas a partir do que cada individuo ou grupo poda considerar interesante ou relevante en cada momento.

“Todo responde ao mesmo: a capacidade de interconectar recursos, realidades, obxectos, vincular contextos…mesturar todo iso e terminar sacando narrativas de historia que, ou ben che conten algo ou che fagan entender as opinións doutros, ou che deixen un espazo aberto para a reflexión”, explica Martín López Nores, investigador principal do proxecto, membro do grupo de investigación en Servizos para a Sociedade da Información (GSSI) de AtlantTIC, que xunto ao Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, GEAAT, da Facultade de Historia do campus de Ourense, representa á Universidade de Vigo neste proxecto. Así, mentres que desde a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación se achegará un sistema, que a través de bases de datos e algoritmos sexa quen de descubrir as relacións entre os recursos culturais, as historiadoras traballarán na identificación de contidos e posibles interrelacións. “Para min cada momento da colaboración é unha aprendizaxe, xa que as nosas perspectivas, vocabulario, metodoloxías e un longo etc., difiren dun xeito evidente. Lonxe de resultar un inconveniente constitúe un gran estímulo que solo podo caracterizar como enriquecedor”, asegura Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia.

Máis información no DUVI