Fai Historia con nós

Saúdo da Decana

As instalacións da Facultade de Historia están espalladas no chamado campus norte, é dicir na zona do campus que está máis próxima ao centro da cidade. As principais tarefas que desenvolvemos a comunidade de Historia céntranse principalmente no coñecido popularmente como “Edificio de Ferro”, convertido neste caso noso referente máis concreto, por erixirse como o punto de encontro máis habitual deste colectivo integrado por estudantes, persoal de administración e servizos e docentes.

Máis alá deste edificio ou doutros onde desenvolvemos as nosas tarefas cotiás, ofrecémoste un abano de posibilidades centradas na realidade que se produce no interior dos edificios. Refírome ás relacións humanas establecidas a moitos niveis entre os tres colectivos e que constituirán o principal eixe de aprendizaxe, por suposto da Historia, da Arte e da Xeografía, pero sobre todo da vida. Para elo é imprescindible non só a vosa presenza, senón a vosa ilusión e a vosa colaboración; precisamos sentir que ademais de adquirir amplas perspectivas sobre a diversidade, os títulos que impartimos neste centro axúdannos a sentirnos mellor na vida; a espertar a nosa conciencia crítica; o respecto as diversidades; a desenvolver a tolerancia e a pensar que as verdades absolutas non existen e que no mundo aínda queda moito por facer e nesa reconstrución, os instrumentos que nos aportan as Humanidades, son imprescindibles para a procura dun mundo mellor.

Benvidos/as e sorte no empeño!

Susana Reboreda Morillo
Decana da Facultade de Historia