A historia antiga reescríbese en feminino

O campus de Ourense acolleu unha xornada dedicada a este período

Iria Souto, Susana Reboreda, Dolors Molas, Rosa Cid, Nuria Castellano e Agnès García

Mulleres que na antiga Mesopotamia traballaban nas mesmas categorías que os homes, como a construción; cinco faraoas que gobernaron no antigo Exipto; mulleres que na antiga Roma realizaron as primeiras manifestacións contra leis lesivas para elas, e Safo, a primeira poetisa recordada da literatura da antiga Grecia. Estes foron os catro temas escollidos para abordar este luns na xornada A muller na antigüidade: perspectivas e reflexións que celebrou a Facultade de Historia do campus de Ourense. Fronte a unha visión histórica tradicionalmente androcéntrica, o obxectivo desta iniciativa foi visibilizar e reivindicar desde unha perspectiva de xénero o papel das mulleres na antigüidade.

A xornada estivo organizada pola Área de Historia Antiga da Universidade de Vigo e coordinada polas profesoras Susana Reboreda e Iria Souto. “O Grao de Xeografía e Historia é un grao xeralista e con esta xornada quixemos completar a súa oferta formativa abordando a temática de xénero, que non se inclúe no programa docente”, subliñou Susana Reboreda, que conta cunha dilatada traxectoria en proxectos de investigación tanto estatais como europeos sobre a muller na historia. Esta abordaxe, apuntou a tamén decana da Facultade de Historia, “é fundamental para a formación do alumnado” e para o desenvolvemento do seu espírito crítico. A situación da muller no próximo Oriente, Exipto, Grecia e Roma, apuntou, pode parecer “en principio algo moi remoto” pero suscita “nos estudantes a reflexión, porque a medida que van coñecendo van establecendo similitudes e diferenzas con situacións actuais propias ou doutras culturas”.

Videos da xornada en UVigoTV

Ler a noticia completa