O campamento romano da Ciadella renace baixo a vexetación despois de dous meses de intervención arqueolóxica

O proxecto está promovido pola Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia

Imaxe aérea do xacemento na actualidade

Despois de dous meses de intervención arqueolóxica, o campamento romano da Ciadella, no concello coruñés de Sobrado, comeza a renacer baixo a vexetación. Desde o pasado 2 de marzo, un equipo de arqueoloxía e conservación-restauración da Universidade de Vigo desenvolve un proxecto que, impulsado pola Xunta de Galicia, pretende afondar no coñecemento deste asentamento militar construído no século II despois de Cristo. “Logo de dous meses de traballo, cun parón de tres semanas pola pandemia da COVID-19, xa se aprecian os importantes avances dos traballos da fase de escavación”, comenta Adolfo Fernández, director do proxecto e membro do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo.

O proxecto, no que o Goberno galego inviste preto de 240.000 euros, é froito da consecución por parte do equipo da Universidade de Vigo do concurso de licitación do traballo promovido pola Consellaría de Cultura e Turismo e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80%), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. A iniciativa abrangue investigación, novas escavacións e tarefas de conservación-restauro cunha duración total de dez meses. Polo que respecta ás escavacións que se están desenvolvendo na actualidade, tiñan unha duración de tres meses, desde marzo ata maio, aínda que as novidades e o parón provocado pola COVID-19 van facer necesario prologalas ata mediados de xuño. Nelas participan doce persoas, técnicos e auxiliares de arqueoloxía, contando o proxecto coa participación dos membros do GEAAT e profesorado da Facultade de Historia do campus de Ourense Fermín Pérez, Susana Reboreda e Ladislao Castro.

Ler a noticia completa no DUVI