rurALLURE é unha mestura de termos en inglés (rural; lure, atraer e alure, encanto) que dá nome ao proxecto internacional liderado pola Universidade de Vigo, no que participan máis dunha decena de socios de seis países europeos, e que ten por obxectivo a divulgación do patrimonio cultural que rodea ás grandes vía de peregrinación de Europa. Financiado con preto de 3 millóns de euros procedentes do programa Horizonte 2020 da Comisión Europea, rurALLURE: Promoción de museos e sitios culturais en áreas rurais na contorna dos camiños de peregrinación de Europa, procurará cun enfoque multidisciplinar e o traballo de grupos de investigación de universidades, empresas, institucións públicas e museos, ampliar as experiencias dos peregrinos que discorren polas grandes vías europeas, achegándolles a oferta cultural das áreas rurais próximas, a través de ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación. “Trátase de promover o patrimonio rural como un engadido cara ao interese que poida suscitar unha ruta de peregrinación que se fai de extremo a extremo ou por tramos”, explicou o docente e investigador da UVigo e investigación principal do proxecto, Martín López Nores, na presentación de rurALLURE, celebrada hoxe no campus de Vigo e na que tamén participaron o reitor, Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio.
Un proxecto internacional liderado pola UVigo divulgará o patrimonio que rodea ás grandes vías de peregrinación de Europa
15 socios de seis países europeos participan nesta iniciativa multidisciplinar