Un nome para o Castelo de San Salvador dos Penedos, Castelo de Todea

Trátase dunha edificación medieval de control do territorio entre os vales do Limia e o Arnoia

Imaxe de arquivo do emprazamento do castelo

Desde o ano 2016 o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo desenvolve o Proxecto Sancti Salvatoris co obxectivo de estudar e valorizar o xacemento altomedieval de San Salvador dos Penedos, no concello ourensán de Allariz. Coñecido nos mapas como Castelo de Mouresiños e polos veciños e veciñas como Castelo do Malpaso, os últimos traballos realizados permitiron ás e aos investigadores localizar o nome orixinal e histórico da construción e as primeiras referencias históricas a el, que datan de 1433, e bocexar a súa estrutura e características. Estaríamos ante o Castelo de San Salvador de Todea, un pequeno castelo medieval de control do territorio e de vía de paso entre o val do Limia e o val do Arnoia.

O proxecto, desenvolvido polas e polo investigador do Geaat Patricia Valle, Alba A. Rodríguez e Adolfo Fernández, acadou estes tres anos financiamento da convocatoria a proxectos de investigación Inou, da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Deputación de Ourense, contando ademais co apoio do Concello de Allariz, que achegou medios humanos e técnicos. “O Castelo de San Salvador de Todea é un xacemento moi interesante. É un dos típicos castelos galegos pequenos dos que non sabemos case nada porque case non hai ningún escavado. Este proxecto achéganos a como funcionaban estes pequenos castelos na Galicia medieval, a cal era a súa estrutura, que funcións tiñan, etc”, comenta Adolfo Fernández, director do proxecto.

Ler a noticia completa no DUVI