O proxecto europeo rurAllure e a Fundación Otero Pedrayo fomentan o uso da bicicleta no rural

O proxecto europeo rurAllure, liderado pola Universidade de Vigo dentro da convocatoria H2020 da Comisión Europea, e a Fundación Otero Pedrayo, veñen de celebrar un encontro con diversos clubs ciclistas ourensáns no que se trataron temas relacionados coa bicicleta como medio de transporte sostible e como ferramenta para o desenvolvemento rural. A iniciativa, indican desde a súa organización, quixo ademais continuar promovendo a sede da Fundación Otero Pedrayo “como epicentro promotor dunha Galicia con vocación innovadora, ecolóxica e europeísta”.

RurAllure naceu co reto de divulgar e poñer en valor a riqueza cultural que rodea as grandes vías de peregrinación de Europa: o patrimonio literario nos camiños de Santiago; o termal nas peregrinacións a Roma; o etnográfico nos camiños de San Olav e o natural no caso da ruta mariana centroeuropea. Estes catro roteiros conforman os catro proxectos piloto que se están a desenvolver no marco do proxecto. Neste senso, na actividade celebrada a fin de semana na sede da Fundación Otero Pedrayo, Martín López Nores e Susana Reboreda, docentes da Universidade de Vigo responsables de rurAllure, destacaron como o proxecto que desenvolven “ten como obxectivo atraer aos peregrinos ata espazos literarios como a Fundación Otero Pedrayo, co obxectivo de aumentar o impacto do Camiño nos territorios rurais próximos polos que pasa e mellorar a experiencia do peregrino”.

Ler a nova completa no DUVI