Tres días para visibilizar a investigación en xeografía física, arqueoloxía, prehistoria e historia antiga

Formado por 34 investigadoras e investigadores das áreas de xeografía física, arqueoloxía, prehistoria e historia antiga, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo ten vivido nos últimos anos un crecemento significativo. Para visibilizar o seu traballo e para perfilar as súas liñas de acción futura, o grupo celebrará do 18 ao 20 de novembro unhas xornadas de balance da súa actividade.

Un grupo en crecemento

A cita, que leva por título II Xornadas do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio. Difusión de liñas estratéxicas e transferencia, celebrarase na Facultade de Historia do campus de Ourense. Coordinada pola arqueóloga e profesora da UVigo Beatriz Comendador, a actividade ten como obxectivo “visibilizar, pór en valor e incrementar o potencial do GEAAT no eido da investigación e a transferencia”. A súa celebración enmárcase nas accións desenvolvidas ao abeiro das axudas a grupos con potencial de crecemento, as axudas para a consolidación de grupos de investigación que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D amosan potencial de crecemento para converterse en grupos de referencia do sistema de I+D+i galego da Xunta de Galicia, das que é beneficiaria o GEAAT.

Ler a nova completa no DUVI