Unha intervención arqueolóxica analiza se as ruínas romanas da praia do Naso son dunha factoría de salga

Actualmente estase a desenvolver o traballo de campo neste enclave da illa de Arousa

Imaxe da zona de sondaxe

“O obxectivo científico final da actuación é saber con seguridade se as ruínas romanas alí existentes son unha factoría de salga ou outro tipo de edificio e recuperar o maior numero de datos posibles que nos permitan interpretar as estruturas (cronoloxía, usos, dimensións, estado de conservación…)”. Con este reto un equipo coordinado polo arqueólogo da Universidade de Vigo e profesor da Facultade de Historia do campus de Ourense Adolfo Fernández está a realizar unha intervención arqueolóxica na praia do Naso-Campo dos Bufos, na illa de Arousa.

A intervención, cuxos traballos de campo se desenvolven do 1 ao 5 de abril en colaboración co Concello da Illa de Arousa, consiste na limpeza da fronte do xacemento co obxectivo de localizar os vestixios romanos documentados nos anos 60 do século pasado e que hoxe se atopan baixo a maleza e no rexistro pormenorizado desas estruturas mediante debuxo tradicional e fotogrametría 3D. A iniciativa tamén contempla a realización dunha sondaxe valorativa na parte superior da fronte de praia co obxectivo de contar cunha secuencia estratigráfica. Esta sondaxe será tapada ao final da intervención quedando o espazo intervido no estado previo á actuación.

Ler a noticia completa no DUVI