Universidade e institutos alíanse para fomentar as vocacións científicas a través do STEMbach

15 institutos de toda Galicia participan este curso como centros pioneiros na impartición do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMbach, que ten como obxectivo promover a vocación do alumnado cara a ciencia e a tecnoloxía, apostando por unha metodoloxía baseada na investigación como principio esencial. Esta aposta da Xunta de Galicia implica a participación das universidades galegas, xa que ademais da carga lectiva (2 ou 3 horas semanais), o alumnado matriculado neste bacharelato ten que presentar un proxecto de investigación, baixo a coordinación de docentes de escolas e facultades. Este traballo, que terá que ser exposto en público e ante un tribunal no segundo ano do Bacharelato, debe estar co-dirixido por profesores de universidade ou centros de investigación, e tamén o tribunal debe incluír persoal científico.

Para dar forma a esta cooperación entre o ensino secundario e o superior, como explica a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, as facultades e escolas das universidade galegas deseñan proxectos xenéricos que poñen a disposición dos institutos. “Estamos na primeira etapa do proceso para a etapa 2019-2021”, na que os centros de secundaria deben decidir a temática arredor da que van desenvolver o seu bacharelato STEM no próximo curso. As propostas dos centros da UVigo, que se acaban de presentar, son de moi diferente índole, o que lles permitirá aos estudantes de Secundaria coñecer por exemplo a calidade da auga, descubrir os segredos da química ou a bioloxía, ou achegarse á historia que conta o mesado de granito das cociñas ou á conservación da arte de rúa. Outras propostas céntranse na informática como ferramenta de experimentación na ciencia, a arte de voar, o mundo agroalimentario e ambiental, o estudo da contorna física a través do patrimonio cultural construído, as telecomunicacións, a innovación e a globalización no mundo da empresa, a investigación lingüística, a antiga Grecia,  ou as claves para imaxinar como serán os océanos no futuro ante o impacto dos cambios ambientais. Estas propostas permitiranlle ao estudantado do STEMbach desenvolver o seu proxecto e experimentar cos diferentes procedementos de investigación e os métodos científicos, dun xeito rigoroso, ordenado e crítico e para desenvolver investigacións propias.

Ler a noticia completa no DUVI