Este luns e martes celébrase de xeito virtual unha nova edición das Xornadas de Historia Contemporánea e do Tempo Presente, que nesta ocasión levan por título e temática Terrorismo e política de Defensa na transición á democracia. Os obxectivos desta iniciativa son achegar ao alumnado algúns dos principais debates historiográficos e liñas de investigación relacionados coa docencia da historia contemporánea e o mundo actual, tanto a nivel xeral como de Galicia.
As xornadas están organizadas pola Facultade de Historia do campus de Ourense e pola Uned-Ourense e contan co apoio dos grupos de investigación da UVigo de Historia Contemporánea (HC1) e de Investigación e Innovación Docente en Historia (I2DH). O director da actividade é Julio Prada, decano da facultade ourensá e profesor titular de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo, e a súa coordinadora María Concepción Álvarez, da Uned-Ourense. Están inscritas case 200 persoas, destacando a participación de alumnado da Facultade de Historia de Ourense e dos centros asociados da Uned en España e algúns do estranxeiro.
Catro conferencias e outras actividades
Nesta edición, comentan desde a súa organización, propóñese un achegamento a diversos aspectos da política de defensa na transición á democracia e á problemática do terrorismo. No primeiro día de intervencións, Carlos Alberto Bueno, profesor de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Granada, abordou a política de Defensa na “longa transición” militar e ante a transformación da orde internacional. Pola súa banda, Víctor Aparicio Rodríguez, do Instituto Valentín de Foronda-Universidade do País Vasco, ofreceu a conferencia titulada A boca dos fusís. O terrorismo de extrema esquerda contra a transición. Este martes, a programación continuará pola tarde cunha intervención de Gaizka Fernández, do Centro Memorial de Vítimas do Terrorismo, sobre o terrorismo de ETA durante a transición, e outra de Pablo García, da Universidade do País Vasco-Universidade de Vigo, sobre terrorismo e violencia etnonacionalistas durante a transición.
As conferencias, previamente gravadas, son visionadas en Internet polo alumnado estes días de celebración das xornadas pero tamén se poñen en aberto a disposición do público interesado. A programación complétase para as persoas inscritas con actividades de formación docente virtual sobre terrorismo e didáctica da historia, de 14 horas de duración e a cargo de Julio Prada, que se desenvolverán ata o 5 de maio e nas que o alumnado traballa a temática elixida con recursos diversos, desde documentación ata fotografía.