A primeira campaña arqueolóxica en Marrocos pon ao descuberto novas factorías de salgadura en Tahaddart

Co apoio dos ministerios de Cultura dos dous países e da Xunta de Galicia

DCIM103MEDIADJI_0798.JPG

A primeira campaña arqueolóxica internacional da Universidade de Vigo vén de rematar con moi bos resultados. Durante 17 días un equipo marroquí e español de ata 30 persoas interveu no xacemento de Tahaddart co obxectivo de afondar no coñecemento desta factoría de salgadura e tamén no comercio en época romana na fachada atlántica marroquí, a antiga provincia da Mauritania Tingitana. Os traballos, desenvolvidos por membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da UVigo e do Institut National des Sciences de l’Archéologie et du Patrimoine (INSAP) e doutras institucións marroquís, permitiron ampliar as dimensións coñecidas do xacemento, descubrindo novas factorías de salgadura romanas e numerosos restos materiais, entre eles unha mostra de peixe, a primeira deste tipo que se analizará.

O proxecto, que ten unha duración de cinco anos, realízase ao abeiro dun convenio de colaboración en materia de patrimonio cultural asinado entre a Universidade de Vigo e o INSAP, do Ministerio de Cultura do Reino de Marrocos. Ademais, a campaña arqueolóxica en Tahaddart deste ano está financiada polo Ministerio de Cultura de España, a través da súa convocatoria para escavacións no exterior, e o estudo do comercio en época romana na costa marroquí está financiado para o período 2021-2025 pola Xunta de Galicia, a través da convocatoria para proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente.

Ler a nova completa no DUVI