Co título Panorama xeopolítico 2023, o campus acolleu este martes unha conferencia ofrecida por Federico Aznar, analista do Centro Superior de Estudios de la Defensa Nacional (Ceseden) e do Instituto Español de Estudios Estratégicos. Nela, alumnado das facultades de Relacións Internacionais e Historia e do Programa Universitario de Maiores do campus de Pontevedra, de visita na cidade das Burgas, puideron coñecer algunhas das claves que as e os analistas consideran que marcarán o devir do vindeiro ano.
Da globalización á computación cuántica
O acto, aberto ás persoas interesadas, estivo presentado polo profesor da Universidade de Vigo Luis Velasco e organizado polas facultades de Historia e Relacións Internacionais do campus de Ourense e polo Grupo de Investigación en Historia Contemporánea. Ao longo da súa intervención, o relator achegouse a múltiples cuestións de interese xeopolítico. Unha delas foi a globalización, apuntando que non se trata dun fenómeno pacífico senón dun proceso de racionalización cultural feito pola cultura máis forte. Estamos, dixo o convidado, nun mundo cada vez máis globalizado e polo tanto máis interrelacionado e lembrou que cantas máis relacións hai máis conflitos pode haber, sinalando como neste contexto pode suceder que un conflito local escale a nivel global.
O terrorismo foi outra das claves abordadas durante a conferencia. O relator lembrou que nel o elemento relixioso é fundamental, pois dótao de discurso político. Así fixo fincapé en que o terrorismo non é só violencia senón unha actividade política ilexítima cuxa forza non vén tanto da violencia que practica senón do discurso político que o soporta e no que imbrica. No eido do terrorismo Federico Aznar destacou o seu incremento na rexión do Sahel, unha zona, dixo, moi importante porque é zona de seguridade próxima a España.
Outros dos temas abordados foi a información, subliñando Federico Aznar a súa relevancia no século XXI, no que toda a información que houbo na historia da humanidade se dobra cada menos de dous anos. Neste contexto, o analista recalcou que a clave non está tanto na información senón na súa correcta selección e súa axeitada prelación. Tamén falou do enfrontamento tecnolóxico entre China e Estados Unidos, e de temas como big data, intelixencia artificial e computación cuántica e do seu impacto xeopolítico.