Experimentan a fundición de machados de bronce para entender a súa produción na Prehistoria

O CITI acolleu a realización de varias actividades con esta finalidade

Durante as fases finais da Prehistoria europea, principalmente durante a Idade do Bronce e os inicios da Idade do Ferro, grandes cantidade de bronce foron enterradas en forma de depósitos illados, coñecéndose especialmente depósitos de machados de bronce que suman varias toneladas. Esta práctica amosa unha intensidade especial na Europa atlántica e, a pesar dunha longa tradición investigadora e as extensas discusións científicas, segue suscitando numerosas incógnitas. Para contribuír ao seu coñecemento, desde o ano 2018 desenvólvese un proxecto estatal no que participan membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo.

O proxecto, denominado Producción y deposición masiva de bronces plomados en la transición Bronce final-Edad del Hierro de la Europa atlántica (Atlantaxes), conta con financiamento do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade a través da convocatoria de Proxectos Retos. O investigador principal é Xosé Lois Armada, investigador Ramón y Cajal do INCIPIT-CSIC, e por parte do GEAAT participan Beatriz Comendador e Aaron Lackinger. O obxectivo deste proxecto, explican os seus promotores, é analizar unha manifestación especialmente enigmática deste fenómeno: grandes depósitos de machados aparentemente non utilizados e con aliaxes pouco funcionais (altas cantidades de chumbo e/ou estaño) que aparecen en varios lugares da fachada atlántica europea durante a transición Idade do Bronce final–Idade do Ferro.

Ler a noticia completa no DUVI