Incautacións de bens, subscricións patrióticas, exaccións económicas, multas, sancións impostas ao amparo da normativa de responsabilidades civís e políticas… A económica tamén foi un tipo de represión exercida durante a Guerra Civil española e o posterior réxime. No seu último libro, Julio Prada, profesor titular de Historia Contemporánea da Facultade de Historia do campus de Ourense, aborda este fenómeno represivo durante a primeira etapa do franquismo, analizando a súa evolución desde algo desorganizado a un proceso articulado polo estado.
A publicación leva por título The plundering of the vanquished. The economic repression during early francoism (O saqueo dos vencidos. A represión económica durante o primeiro franquismo), e está editada pola editorial Peter Lang. A idea de facer este libro, indica o seu autor, xurdiu por considerar que “faltaba unha obra que a nivel do estado recollese o tema da represión económica” no período histórico estudado. Así, a publicación comeza cunha abordaxe da evolución historiográfica sobre esta cuestión, subliñando Julio Prada os factores que ao seu entender explicarían a menor atención dedicada pola historiografía a esta faceta represiva. Entre estes factores apunta, ademais da atención primordial dedicada á represión física, a dispersión de fontes e a propia “incomodidade” que representaba para os poderes públicos e para unha parte importante da sociedade o feito de que un bo número de cidadáns se atoparan implicados nun proceso represivo que perseguía privar dos seus bens ou dunha parte do seu patrimonio a persoas que, en ocasións, nin sequera cometeran un delito desde a particular óptica dos sublevados. A decisión de publicar o libro en inglés, detalla o historiador, tomouse para contribuír a difundir unha visión histórica “fóra dos clixés típicos” cos que na súa opinión se aborda desde a historiografía anglosaxoa a temática tratada nesta publicación “feita desde Galicia para España e Europa”.
O libro recolle “unha análise das distintas formas que adquiriu a represión económica no estado”, tal e como explica Julio Prada, historiador especializado no estudo da Segunda República, o réxime franquista e a transición democrática, autor de máis de 20 libros e 200 artigos e contribucións en congresos nestas temáticas. Para a elaboración da publicación, detalla, partiu “do que eran as investigacións que levamos feito en Galicia, estendendo o marco metodolóxico para o resto de España”. Froito do traballo realizado, engade o profesor da Universidade de Vigo, a análise feita arranca co que “foron incautacións de bens nos primeiros meses da Guerra Civil, sen ningún tipo de formalidade” e séguese todo o percorrido de “como iso vai derivando todo nun proceso moito máis articulado a través do que se chamaron as responsabilidades civís e as responsabilidades políticas a partir da lei de febreiro do ano 39”. Así, na publicación plásmase a evolución desde as primeiras achegas «sen ningún tipo de coordinación» ata o «ríxido» proceso de centralización a partir da orde da xunta de defensa nacional que establece a subscrición nacional e, con posterioridade, das normas establecidas polo gobernador xeral.