A revista internacional Nature Ecology & Evolution acaba de publicar un artigo sobre o xacemento de Simbiro III-Melka Kunture, en Etiopía, asinado por un equipo internacional no que participan os arqueólogos da Universidade de Vigo Eduardo Méndez e Andrea Serodio. Nel descríbese o ambiente neste enclave hai máis de 1,2 millóns de anos e avánzase no coñecemento da “capacidade de planificación e anticipación” do Homo erectus.
O artigo títúlase A surge in obsidian exploitation more than 1.2 million years ago at Simbiro III (Melka Kunture, Upper Awash, Ethiopia) e foi realizado, ademais de polos investigadores do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) do campus de Ourense, por Margherita Mussi, Doris Barboni, Hervé Bocherens, Raymonde Bonnefille, Giuseppe Briatico, Denis Geraads, Rita T. Melis, Joaquin Panera, Laura Pioli e Susana Rubio.
Fabricación de ferramentas
Neste traballo, indica Eduardo Méndez, “preséntase o sitio achelense de Simbiro III Monumental Section, que forma parte do complexo arqueolóxico de Melka Kunture (Etiopía), e ten unha idade mínima de 1,2 millóns de anos”. Neste lugar, detalla, identifícase unha enorme acumulación de restos de artefactos líticos feitos exclusivamente en obsidiana. “Este material é un tipo de vidro volcánico, que polas súas propiedades de fractura é a rocha máis apta para a fabricación de ferramentas líticas. Os artefactos identificados son exclusivamente bifaces (ferramentas talladas polas dúas caras con forma de amendoa) e os restos procedentes da súa fabricación. Non se rexistran practicamente fósiles de animais, a diferencia do que se observa noutros niveles do mesmo xacemento”, afirma o arqueólogo.
O estudo publicado en Nature Ecology & Evolution, explica o investigador do GEAAT, permite identificar este sitio «como unha área de taller, especializado na fabricación de bifaces, nas inmediacións dun afloramento de obsidiana”. Outra particularidade deste xacemento, engade, é que os bifaces identificados amosan un alto grao de sofisticación e estandarización na súa forma. Segundo comenta o co-autor do artigo, “isto semella o resultado dunha procura reiterada e consciente dunha morfoloxía concreta dos artefactos, por parte dos grupos de Homo erectus que ocuparon o lugar”. A suma de todos estes factores, destaca, “fan de Simbiro III un caso único e o exemplo máis antigo rexistrado no mundo con este tipo de comportamento”. Os datos recollidos en Simbiro III e no artigo publicado, comenta o arqueólogo, “permiten entender a paisaxe dos Homo erectus de máis de 1,2 millóns de anos, como un espazo compartimentado funcionalmente, con lugares concretos para a produción de ferramentas e outros onde se introducían estes artefactos xa feitos para a súa utilización. Isto fálanos dunha importante capacidade de planificación e anticipación nas activades de subsistencia destes grupos humanos, que era pouco coñecida en cronoloxías tan recuadas en África”.
As e os autores do estudo reconstrúen no artigo o paleoambiente do enclave obxecto de estudo, amosando como «a paisaxe inundábase estacionalmente e que tras a deposición dunha acumulación de cantos rodados de obsidiana por un río serpenteante, os homínidos comezaron a explotalos de novas formas, producindo grandes ferramentas con bordes afiados». Tamén se indica no traballo que se trataba dunha actividade enfocada, que se producían ferramentas de pedra estandarizadas. “Argumentamos que en Simbiro III, os homínidos estaban facendo moito máis que simplemente reaccionar aos cambios ambientais; estaban aproveitando novas oportunidades e desenvolvendo novas técnicas e novas habilidades de acordo con elas”, sinalan as e os investigadores no artigo.
No marco do proxecto Melka Kunture
O sitio de Melka Kunture en Etiopía, subliña Eduardo Méndez, “é unha das principias secuencias arqueolóxicas africanas, que ocupa algo máis de dous millóns de anos con rexistro arqueo-paleontolóxico”. Con máis de 60 anos investigación continuada, na actualidade o traballo no xacemento desenvólvese dende un proxecto italo-español, codirixido por Margherita Mussi (Sapienza Università di Roma), o propio Eduardo Méndez Quintas por parte da Universidade de Vigo e Joaquín Panera (Universidad Complutense). O proxecto agrupa a máis dunha vintena de investigadores e investigadoras de universidades e centros de investigación europeos e nel tamén participan outros membro da Universidade de Vigo como Andrea Serodio e Patricia Bello.
Na actualidade as investigacións en Melka Kunture fináncianse con achegas de diferentes organismos estatais e internacionais, destacando o apoio da Fundación Palarq, a Leakey Foundation e a Xunta de Galicia, a través esta última da axuda para completar a etapa de formación de posdoutoramento nas universidades do Sistema Universitario de Galicia, da que é beneficiario Eduardo Méndez.