“Comezamos da nada practicamente. Era un xacemento que quedara esquecido e aínda que se escavara na década de 1950, tapárase e non era visitable. Ao empezar de cero, dez anos despois temos un sitio que visitan, calculamos nós, unhas 10.000 persoas ao ano. E ese é o primeiro impacto, de ter cero persoas que podían visitar o xacemento pasou a ter 10.000 ao ano”. Esta circunstancia engadida á repercusión social e ao impacto económico que durante a última década está a producir en Allariz, é segundo o docente e investigador da UVigo Adolfo Fernández, o máis salientable que presenta o balance dunha década de traballo no xacemento de Armea. Pero o labor desenvolvido ao longo destes anos, froito da colaboración iniciada no ano 2011 entre o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo (GEAAT) e o Concello de Allariz, permitiu tamén mudar o concepto que desde o ámbito investigador se tiña de Armea. “Coñecíase como un castro máis da arqueoloxía galega, un xacemento tipo da Idade de Ferro, e unha vez que nós levamos alí varios anos o que cremos, e así queda publicado, é que se trata dunha cidade romana. Polo tanto si que se cambiou o panorama, neste caso investigador do xacemento”, detalla o director da escavación, Adolfo Fernández, sobre esta cidade de época romana, que se estende polas ladeiras da montaña e que tivo grande importancia na administración da zona.
Unha exposición con obras dunha vintena de artistas locais que amosan a súa particular visión da Cibdá e a súa contorna, e que xa se pode visitar na Paneira de Allariz, e unha mostra de lonas cos detalles dos traballos, que xa está instalada nas rúas da vila alaricana, son dúas das actividades coas que se conmemorará unha década de actividade no xacemento, que precisamente desde hoxe acolle unha nova campaña de escavación e posta en valor da zona, que se prolongará durante todo o mes de xullo e na que participarán 30 estudantes, seleccionados de entre os máis de 300 procedentes de universidades españolas e estranxeiras que solicitaron participar nesta campaña.
Desde hoxe o equipo que traballará ao longo dos próximos meses no xacemento está a acondicionar a zona limpando a maleza, podando árbores e retirando milladoiros de pedra onde se vai levar a cabo a nova escavación. “Nesta campaña espérase avanzar na zona leste do xacemento descubrindo unha nova casa da época romana (a domus do triscele), a continuidade dunha rúa e parte doutra gran casa coñecida como domus do hexascele”, explica Adolfo Fernández, que engade que aos traballos arqueolóxicos vanlle seguir os de conservación e restauración, que procurarán protexer e poñer en valor os vestixios atopados durante esta campaña.