A Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu este martes pola tarde a celebración das aulas abertas do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo. Nelas, Tom Brughmans e Iza Romanowska, da Aarhus University, de Dinamarca, ofreceron as conferencias Networking with the Romans: simulating ancient economies e Introdución a técnicas de simulación: como podemos reconstruir as dinámicas sociais con modelos baseados en axentes.
Segundo explican desde o GEAAT, a primeira charla foi impartida por Iza Romanowska, investigadora do Instituto de Estudos Avanzados de Arhus e considerada “unha das maiores expertas na aplicación da simulación de base axente ás ciencias sociais”. Na súa intervención explicou as bases das técnicas de simulación e como poden ser empregadas para reconstruír dinámicas sociais, especialmente para o estudo do pasado. A segunda charla foi de Tom Brughmans, profesor e membro do Centro para o Estudo da Evolución das Redes Urbanas (UrbNet) e especialista no estudo da economía romana empregando técnicas de simulación, sistemas de información xeográfica e análise de redes. “Durante a súa conferencia explicou diversos casos de estudo onde el e o seu equipo aplicaron estas metodoloxías para tentar resolver varias cuestións sobre o comercio e as implicacións deste na integración dos mercados no mundo romano”, comentan desde o grupo da UVigo. As conferencias estiveron presentadas polos membros do GEAAT Adolfo Fernández e Alba Rodríguez e foron retransmitidas a través do Campus Remoto da UVigo.