Especialistas de España e Portugal afondan no campus no coñecemento do antigo Oriente Próximo e do Exipto faraónico

A Facultade de Historia do campus de Ourense acolle este xoves e venres a celebración do II Congreso Internacional Antigüidades de Oriente Próximo e Exipto. Viaxeiros, pioneiros e coleccionistas europeos. A actividade está organizada polo Centro de Estudios del Próximo Oriente, a Sociedade Luso-Galega de Estudos Mesopotámicos e o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo e nela participa arredor dunha trintena de especialistas da península ibérica, tanto do ámbito universitario como museístico.

O congreso foi inaugurado por Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Julio Prada, decano da Facultade de Historia, estando por parte da organización Susana Reboreda, investigadora do GEAAT e profesora da Universidade de Vigo, e Juan Luis Montero, profesor da Universidade da Coruña. Nas súas palabras destacaron a boa acollida desta iniciativa e a importancia, tal e como subliñou Julio Prada, de «tender pontes culturais entre Oriente e Occidente». Juan Luis Montero salientou en nome da organización que este encontro “abre perspectivas ao coñecemento dun mundo afastado pero moi próximo á vez”, facendo fincapé en como “é fundamental recuperar aos pioneiros, aos mestres, a eses viaxeiros que nos abriron camiño” no coñecemento da antigüidade en Oriente Próximo e Exipto. Apuntando que se trata dun campo de estudo minoritario en España, recalcou igualmente a necesidade de dar a coñecer o traballo de investigación que se fai nel xa que “estamos a falar das orixes da civilización, algo que é moi necesario coñecer nun mundo cada vez máis complexo” como o actual. Tendo en conta que a temática do congreso refírese ao Próximo Oriente, tras a súa apertura gardouse un minuto de silencio “en recordo de todas as vítimas do conflito que actualmente arrasa lamentablemente Palestina e Israel”.

Ler a noticia completa no DUVI