Case unha vintena de estudantes de terceiro curso de Educación Secundaria Obrigatoria do Colexio Santo Ángel (Calasancias) de Ourense expuxeron este luns na Facultade de Historia do campus traballos sobre o mundo clásico que realizaron no marco do proxecto Conecta. Trátase dunha actividade posta en marcha o pasado curso académico polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) e a Facultade de Historia.
Na iniciativa participaron rapazas e rapaces que cursan a materia de Cultura Clásica, impartida pola historiadora e egresada da Facultade de Historia do campus de Ourense Marta López. A primeira actividade consistiu na visita de Susana Reboreda, profesora da Área de Historia Antiga da UVigo, ao centro educativo, onde lles falou sobre o mundo clásico en consonancia co curriculum da materia. A partir de aí, o alumnado, dividido en grupos, elaborou traballos, en formato infografía, sobre unha listaxe de temas propostos que abrangueron desde a muller na mitoloxía clásica, en Grecia e en Roma ata a infancia nesas dúas culturas.
Os resultados dos traballos foron expostos por cada grupo de escolares na Facultade de Historia, amosando a organización da actividade a súa satisfacción polos bos resultados acadados e felicitando por eles a rapazas e rapaces. Na súa visita ao campus as e os escolares foron recibidos por Julio Prada, decano da Facultade de Historia, e coñeceron tamén o Laboratorio de Arqueoloxía e a Biblioteca Rosalía de Castro.