A Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu este luns a V Xornada Olladas á Antigüidade, que nesta ocasión centrouse na violencia no universo feminino. A programación incluíu catro intervencións realizadas por especialistas sobre a muller en distintas culturas da historia antiga (Oriente Próxima, Exipto, Grecia e Roma) co obxectivo de destacar “a relevancia do coñecemento histórico do rol das mulleres como único xeito de coñecer e comprender a situación actual e ter máis argumentos para reivindicar os cambios”.
A iniciativa estivo organizada pola profesora e membro do GEAAT Susana Reboreda con financiamento da Unidade de Igualdade de UVigo, a Deputación de Ourense e o Ministerio de Ciencia. Os seus obxectivos foron abordar distintos aspectos da violencia que rodeaba ás mulleres na antigüidade; analizar as vías de violencia física e mental que se realizaba contra elas; reflexionar sobre as vías de violencia que elas empregaban e establecer elementos comparativos entre as sociedades antigas, e entre estas e as actuais respecto a esta violencia da e contra a muller, detectando similitudes e diferenzas.
Na inauguración da actividade, Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, salientou o éxito desta xornada “de temática histórica pero con vinculación coa actualidade”. Así, destacou a importancia da perspectiva histórica na abordaxe das problemáticas actuais como a igualdade, xa que, dixo, “moitas veces do pasado aprendemos para o futuro”. Pola súa banda, Julio Prada, decano da Facultade de Historia, subliñou o esforzo das diferentes áreas deste centro que cada ano fan un esforzo por, a través de iniciativas como estas xornadas ou saídas de estudos, achegar ao alumnado aspectos diferentes do curriculum e complementar así a súa formación máis aló da aula. Do mesmo xeito, Susana Reboreda, coordinadora da xornada, lembrou que no curriculum do Grao en Xeografía e Historia “non hai unha materia específica de historia das mulleres” polo que esta xornada “intenta encher ese oco tan necesario”. Cada ano, indicou, esta actividade dedícase a unha temática diferente e conta coa participación de especialistas de cada unha das áreas da antigüidade coa idea de enriquecer o coñecemento sobre elas.
De Hammurabi a Virxinia
A primeira das conferencias levou por título Mulleres e violencia en Babilonia segundo o código legal do rei Hammurabi e foi ofrecida por Juan Luis Montero, profesor da Universidade da Coruña. “A antiga Mesopotamia, berce da primeira civilización urbana, conformou un mundo marcado polo conflito e a violencia, ao que non foi allea a muller”, explicou o docente. Na súa intervención analizou a través do código de leis do rei Hammurabi de Babilonia (1792-1750 aC) como era a violencia cara as mulleres en temas como o adulterio, o incesto ou o aborto violento no ámbito das tribos semitas amorreas. Igualmente explicou como nos casos de divorcio, repudio ou viuvez, “a muller si que se beneficiou de certa protección social, pero por unha razón meramente económica, coa finalidade de garantir a transmisión correcta da súa dote, achegada pola súa familia como regalo de voda, e da que era a única propietaria”.
Seguiulle unha intervención virtual sobre a violencia contra as mulleres no xacemento de Deir el-Medina ofrecida por Iria Souto, investigadora Margarita Salas da Universidade de Vigo. Ela afondou na existencia da violencia contra as mulleres neste xacemento, “un dos exemplos mellor preservados sobre vida cotiá no antigo Exipto durante o Reino Novo (1295-1069 aC). Na súa conferencia presentou as características distintivas deste asentamento, para contextualizar a situación das mulleres que viviron e traballaron nel, para analizar logo unha serie de casos a través de fontes escritas, en combinación con datos de natureza epigráfica e arqueolóxica. Do mesmo xeito, achegouse ás penas a quen exercía esa violencia, a como era a vida social diaria das afectadas e que dereitos tiñan, así como as medidas que se podían aplicar para evitar o maltrato e a súa situación de vulnerabilidade.
Pola súa banda, Claudia Valeria Alonso, tamén investigadora Margarita Salas pero da Universidad Autónoma de Madrid, ofreceu a conferencia Nais “huérfilas”, mulleres vingadoras: os exemplos de Clitemnestra e Hécuba. Nela explicou como a “muller grega foi especialmente vulnerable” pois, indicou, en xeral “carecía de dereitos políticos e estaba suxeita á autoridade do seu pai ou irmáns ata que quedaba tutelada polo seu marido”, sendo “común o maltrato físico e a violencia sexual”. En situacións bélicas, engadiu, a muller quedaba especialmente exposta pola perda dos seus parentes varóns e a disolución dos lazos familiares. “Soas, recibían todo o odio dos vitoriosos, para os que non eran máis que botín de guerra e, como tal, os soldados repartíanas para o seu uso e goce ou as vendían como escravas en mercados estranxeiros”, comentou. Moi ao seu pesar, engadiu a relatora, “as supervivintes debían enfrontarse á morte violenta dos seus fillos e fillas, a miúdo executados unha vez finalizada a batalla”. Así, na súa intervención, a investigadora falou dos mitos sobre as vinganzas de dúas destas raíñas-nais huérfilas: Clitemnestra e Hécuba.
Para pechar a xornada, o tamén investigador Margarita Salas pero da Universidad de Murcia Pedro David Conesa falou da violencia feminina nos relatos míticos de Roma, centrándose nos casos de Lucrecia e Virxinia. “As maxistraturas políticas en Roma, como sociedade patriarcal que era, exercéronas os varóns. As mulleres, abocadas ao matrimonio, á crianza dos seus fillos e ao ámbito doméstico, estiveron á marxe dos cambios sociais que posibilitaban a evolución da urbs. Non obstante, producíronse algúns episodios nos que elas foron as protagonistas, aínda de maneira indirecta, sendo os casos de Lucrecia e Virginia dous exemplos paradigmáticos”, apuntou o historiador. As mortes de ambas doncelas, sinalou, provocaron a caída da monarquía e o xurdimento da república en 509 aC, así como o derrocamento dos decenviros. “Alén do relato mítico no que se insiren as súas historias, as súas figuras son fundamentais para entender como funcionaba a mentalidade romana”, subliñou.