A Facultade de Historia do campus de Ourense desenvolverá, co apoio da Deputación de Provincial, un programa de promoción e difusión do patrimonio cultural e natural ourensán. A iniciativa contará co celebración de diversas xornadas e varias visitas guiadas a enclaves de interese da contorna.
O programa, aberto á participación das persoas interesadas, foi presentado este martes por Julio Prada, decano da Facultade de Historia, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense. Na súa intervención, Rosendo Fernández subliñou o “grao de colaboración e cooperación” que ten o órgano provincial coa Universidade de Vigo e a aposta “estratéxica e de carácter integral” da entidade á que representa coa valorización do patrimonio da provincia e o desenvolvemento das súas potencialidades turísticas. Pola súa banda, Julio Prada explicou que este proxecto parte da consideración de que “non é posible o aproveitamento do noso patrimonio cultural e natural como recurso turístico en primeiro lugar sen a investigación sobre ese mesmo patrimonio; en segundo lugar, sen a súa divulgación e posta en valor, e finalmente sen o traballo cunha serie de valores que para nós van indisolublemente asociados ao mesmo”.
Visibilización, promoción e innovación
Neste marco de traballo, detallou Julio Prada, o programa presentado este martes na sede da Deputación de Ourense, trata “de visibilizar en primeiro lugar o labor de investigación e de divulgación sobre o noso patrimonio que facemos os profesores e profesoras da Facultade de Historia”. Para acadalo, celebraranse as xornadas O patrimonio cultural e natural ourensán, o día 7 de outubro en Santo Estevo de Ribas de Sil. Nelas, profesorado do centro abordará aspectos como o patrimonio rupestre do interior ourensán, a renovación arquitectónica do propio mosteiro no século XVI, os valores e a percepción do patrimonio eco-cultural na Ribeira Sacra ourensá, as vilas medievais da actual provincia de Ourense, o viño na Galicia romana e a xestión do “patrimonio incómodo”, que é, segundo apuntou o decano, “todos eses obxectos, lugares ou manifestacións cuxa existencia non resulta de ‘utilidade pública’ ou de ‘interese social’ e cuxa presenza pode chegar mesmo a ser molesta ao non encaixar ou ser contraditoria cos esquemas ou os valores culturais dominantes nun momento dado».
Tamén dentro desta liña, aínda que cun enfoque máis histórico que patrimonial, o programa inclúe a celebración on-line a mediados de outubro (días 13 e 14) das Xornadas de historia contemporánea e do tempo presente. Luces e sombras da transición española. “A nosa experiencia de anos anteriores nestas xornadas é que se matriculan alumnos e alumnas de puntos moi afastados de España, mesmo de países europeos e de América Latina e por iso as concibimos en dúas fases: nunha primeira traballaremos nun formato de seminario cos especialistas que discutirán ou discutiremos sobre os nosos respectivos relatorios e nunha segunda fase, que terá un carácter máis divulgativo, o que faremos será difundir os relatorios a través dunha canle específica de YouTube”. Estes relatorios, comenta Julio Prada, “irán precedidos ademais dunha serie de vídeos curtos coa intención de que todo os interesados vaian coñecendo pouco a pouco o noso inmenso patrimonio cultural e natural”.
Co obxectivo de tentar unir, por unha banda, investigación e innovación docente e por outra promoción da aprendizaxe da historia, a xeografía, a historia da arte e o patrimonio natural e cultural da contorna, o programa tamén inclúe a celebración dunha serie de saídas de estudo do alumnado da Facultade de Historia “para fomentar o respecto e a conservación deste patrimonio e, en consecuencia, potenciar valores como a tolerancia, apreciar a diversidade cultural e valorar os costumes e a cultura que nos deixaron e transmitiron os nosos devanceiros”. Así, coa celebración das II Xornadas de innovación educativa e docencia da historia, arte e xeografía na universidade e no ensino secundario, que terán lugar os días 20 e 21 de outubro, tamén en formato on-line, desenvolveranse saídas de estudos a Santo Estevo, San Pedro de Rocas, Castro Caldelas, Beade e a Serra da Enciña da Lastra.