A Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu este venres a celebración do encontro anual dos membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo. Nel, persoal investigador das diferentes áreas que o conforman expuxeron resultados, proxectos, estudos e liñas de traballo presentes e futuras.
Na actualidade, explica Susana Reboreda, coordinadora do GEAAT, este grupo conta 33 membros (cinco investigadoras e investigadores principais, dous predoutorais e seis posdoutorais; un persoal de apoio e dous contratados, e 17 persoas realizando o doutoramento), aos que se suman colaboracións externas. Elas e eles desenvolven unha intensa actividade científica en diferentes liñas de especialización, maiormente relacionadas co estudo do territorio e os recursos naturais do noroeste peninsular, incluíndo a súa contorna espazo-temporal e tamén as dinámicas de outros territorios vinculados.
Grupo de Potencial Crecemento (2022-2024) pola Xunta de Galicia, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio aproveitou esta xornada para facer balance da actividade destes dous anos de financiamento e valorar as opcións de futuro. “O balance e evolución do GEAAT estes anos é moi positivo”, comenta a súa coordinadora. Mostra destes bos resultados, apunta, está a cantidade e calidade das investigacións que realiza o seu persoal investigador ou o número de teses lidas pero tamén aspectos como “a demanda que temos de investigadoras se investigadores de fóra de Galicia que queren cumprir aquí os seus contratos, como os Juan de la Cierva. Isto é un índice claro de que o grupo está gañando unha imaxe moi boa tamén no exterior”.
De Exipto a Astariz
O seminario deste venres articulouse arredor das áreas de Ciencias da Antigüidade, Prehistoria, Xeografía e Arqueoloxía, contando con 22 intervencións de investigadoras e investigadores do grupo. A programación arrancou co bloque de Ciencias da Antigüidade, onde se abordaron temas como as prácticas apotropaicas e o mundo feminino na relixión doméstica de Karanis; a relixión e rituais de guerra na Grecia Antiga; orar e vivir na contorna de Ouvigo e unha proposta para a musealización dixital da Igrexa de Santa María de Mixós. Igualmente, nela abordáronse as perspectivas presentes e futuras da Área de Historia Antiga. Seguiulle a área de Prehistoria, onde tamén se fixo balance da súa actividade no período 2022-2024 e se falou dunha diversidade de temas que abrangueu desde a arte rupestre e tradición oral nos vales do Tea e os espazos comunitarios no concello raiano de Chaves ata a achega do GEAAT ao avance do estudo sobre a aparición e a chegada a Europa do tecno complexo Achelense e os muíños do lugar de Souteliño. Non faltaron intervencións sobre o Brazalete de Toén, as orientacións astronómicas megalíticas en Galicia e o rol das mulleres no proceso de transmisión oral na música.
Xa pola tarde será a quenda de Xeografía, onde as e os investigadores falarán das perspectivas en Xeografía Física, dos traballos de exploración nas augas da Cova do Rei Cintolo e das interaccións sociedade-medio ambiente en rexistros estratigráficos e sedimentarios. A Arqueoloxía será o último dos bloques, que arrancará abordando as perspectivas presentes e futuras desta área. Tamén haberá intervencións específicas sobre temas como a intervención arqueolóxica feita na Illa de Ons, o proxecto Sentinela, as dinámicas de consumo en Asturica Augusta a partir do estudo da cerámica común dos séculos I e II d.C. e o estudo preliminar dos materiais tardorromanos do castro de Astariz.