Desde este luns e ata o sábado 20, un equipo liderado desde o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo desenvolve unha intervención arqueolóxica no abrigo de Peña Piñera, en León. O seu obxectivo é avanzar no coñecemento deste enclave, que destaca polas súas representacións pictóricas de arte esquemática de época prehistórica.
O proxecto, organizado desde a Área de Prehistoria do GEAAT polo investigador Diego Herrero, conta co apoio do Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial da UVigo. Ademais, desenvólvese coa colaboración da Área de Prehistoria da Universidad de León, que achega parte do equipo científico para levar a cabo a escavación e o estudo de materiais; do Grupo de Investigación en Xeología Ambiental, Cuaternario e Xeodiversidade, tamén da Universidad de León, e do Departamento de Xeoloxía da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal). Igualmente conta co apoio económico e material do Concello de Vega de Espinareda.
Investigación
O abrigo de Peña Piñera, situado en Sésamo (Vega de Espinareda, León), explica Diego Herrero, “destaca como unha das áreas arqueolóxicas máis significativas do noroeste peninsular, especialmente recoñecida polas súas representacións pictóricas de arte esquemática, cuxo descubrimento na década de 1980 consagrounas como un Ben de Interese Cultural Protexido”. Segundo detalla o arqueólogo, aínda que se teñen realizado diversos traballos no sitio, enfocados principalmente ás pinturas e liderados polos investigadores José Avelino Gutiérrez, José Luís Avelló e, máis recentemente, Feliciano Cadierno, “as escavacións arqueolóxicas en profundidade nas áreas contiguas ás representacións eran unha materia pendente”.
En abril de 2023, leváronse a cabo unha serie de sondaxes arqueolóxicas para estudar a estratigrafía do abrigo, coordinadas polo propio Diego Herrero, “que resultaron no achado de material arqueolóxico significativo”. Para a campaña deste ano, proponse a ampliación dunha destas sondaxes realizadas o ano anterior, que inicialmente cubrían un metro cadrado, ata chegar a unha extensión de seis metros cadrados. “Esta expansión facilitará unha comprensión máis completa da estratigrafía do sitio, permitindo interpretar aspectos como o tipo de ocupación, os materiais asociados e a cronoloxía dos achados”, sinala Diego Herrero. Este traballo enmárcase nun proxecto máis amplo, aínda en fase inicial, que busca profundar no coñecemento dos xacementos prehistóricos no Bierzo e establecer conexións con outras ocupacións similares no noroeste da Península Ibérica.
E divulgación
Seguindo a dinámica das intervencións arqueolóxicas que realiza o GEAAT, ademais da escavación arqueolóxica, levaranse a cabo xornadas de difusión para o público interesado. Así, o venres 19 de abril, terá lugar un taller titulado Pintando a Prehistoria, cuxo obxectivo será familiarizar ás persoas participantes, nenas e nenos de 6 a 12 anos, coas pinturas rupestres, tendo “a oportunidade de experimentar a Prehistoria de primeira man”. Ese mesmo día, a investigadora do GEAAT e profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense Beatriz Comendador levará a cabo unha “barferencia” sobre a arte rupestre no noroeste peninsular no Café-Bar Esvega da localidade leonesa. Finalmente, o sábado 20, realizarase unha visita guiada polas pinturas rupestres e a escavación arqueolóxica de Peña Piñera por parte do equipo científico que realiza a intervención.