Minimiza o impacto nos xacementos de Penedo Gordo e Penedo do Gato e ofrece recursos interpretativos
As pinturas rupestres esquemáticas prehistóricas situadas en Penedo Gordo (Vilardevós) e Penedo do Gato-Lobarzán (Monterrei), na provincia de Ourense, xa se poden visitar de xeito virtual. Un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo acaba de lanzar unha plataforma en liña que integra múltiples recursos que permiten somerxerse no coñecemento destes xacementos sen causar impacto humano neles e salvando as dificultades de acceso a eles.
A iniciativa foi realizada no marco do proxecto Inou 2020 PreMedia. Creación dun contorno virtual para a interpretación patrimonial de sitios con pintura rupestre esquemática da comarca de Monterrei, financiada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense e coa colaboración da DXXG. A iniciativa comprende dúas liñas de traballo: PreMedia 1, coordinada por Beatriz Comendador, profesora da Facultade de Historia, e PreMedia 2, liderada por Fátima Braña, profesora da Área de Antropoloxía Social e Cultural. O deseño desta plataforma virtual corresponde ao primeiro dos equipos, que segundo explica Beatriz Comendador, tivo como obxectivo “difundir dous enclaves do val do Támega que estudamos dende a UVigo, localizados fóra do ámbito xeográfico tradicionalmente tratado nos estudos sobre a arte rupestre galega, peninsular e europea, mediante visitas virtuais con diversos recursos interpretativos”. A plataforma resultante, engade, “pensamos que será de utilidade para todas as persoas que queiran coñecer estes lugares e achegarse ás manifestacións de pintura rupestre, xa que poden acceder de xeito doado dende os seus dispositivos e explorar os lugares e os contidos divulgativos, decidindo que queren ver e canto tempo dedicarlle. Tamén pode ser de grande utilidade para facer percorridos virtuais dende os centros educativos”.