A Facultade de Historia do campus de Ourense celebrou este xoves a xornada A Auga na Historia II. Nela, o alumnado do seu Grao en Xeografía e Historia tivo a oportunidade de achegarse a esta temática desde unha ollada transversal, abranguendo desde o termalismo ata a xeografía ambiental. Do mesmo xeito, o centro puxo a disposición do estudantado a súa xornada virtual e anual de saídas profesionais, na que o estudantado ten a oportunidade de coñecer de primeira man a experiencia de egresadas e egresados desta facultade.
Na apertura de Auga na Historia II, Julio Prada, decano da Facultade de Historia, comezou cunhas palabras de lembranza das vítimas do accidente ferroviario acontecido este mércores. Sobre a xornada, o responsable académico salientou que o seu obxectivo é abordar temas transversais xa que, lembrou, “as divisións en historia son sempre convencionais” e agradeceu a implicación das diferentes áreas do centro neste tipo de iniciativas. Pola súa banda, Raquel Rial, directora de área do campus de Ourense, lembrou que “a auga é un recurso fundamental para a vida e iso determinou a evolución da historia” polo que destacou a pertinencia da abordaxe proposta nesta actividade. A xornada estivo organizada co apoio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos acreditado e financiado pola Xunta de Galicia.
