O Museo Colexiata de Sar (MuSar), en Santiago de Compostela, leva varios meses desenvolvendo un amplo proxecto coa participación dun equipo da Universidade de Vigo de estudo e catalogación de todas as súas pezas de orixe medieval. En concreto, estase traballando coas diferentes pezas que, procedentes do antigo prioridado medieval, estaban almacenadas e diseminadas en diferentes espazos da colexiata.
Participan da UVigo os profesores da Facultade de Historia do campus de Ourense Victoriano Nodar (co-director do proxecto xunto ao historiador Ramón Yzquierdo), Francisco Javier Pérez Rodríguez e Alejandro Campos, este último alumno do Programa de Doutorado Interuniversitario en Protección do Patrimonio Cultural, coordinado pola UVigo. A investigación está financiada polas axudas destinadas a centros museísticos 2026 da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e desenvólvese no marco dun contrato de I+D entre o Arcebispado de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.
A Facultade de Historia do campus de Ourense celebrou este xoves a xornada A Auga na Historia II. Nela, o alumnado do seu Grao en Xeografía e Historia tivo a oportunidade de achegarse a esta temática desde unha ollada transversal, abranguendo desde o termalismo ata a xeografía ambiental. Do mesmo xeito, o centro puxo a disposición do estudantado a súa xornada virtual e anual de saídas profesionais, na que o estudantado ten a oportunidade de coñecer de primeira man a experiencia de egresadas e egresados desta facultade.
Na apertura de Auga na Historia II, Julio Prada, decano da Facultade de Historia, comezou cunhas palabras de lembranza das vítimas do accidente ferroviario acontecido este mércores. Sobre a xornada, o responsable académico salientou que o seu obxectivo é abordar temas transversais xa que, lembrou, “as divisións en historia son sempre convencionais” e agradeceu a implicación das diferentes áreas do centro neste tipo de iniciativas. Pola súa banda, Raquel Rial, directora de área do campus de Ourense, lembrou que “a auga é un recurso fundamental para a vida e iso determinou a evolución da historia” polo que destacou a pertinencia da abordaxe proposta nesta actividade. A xornada estivo organizada co apoio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos acreditado e financiado pola Xunta de Galicia.
O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (GEAAT) completou a campaña arqueolóxica no castro do Castelo dos Mouros, na illa de Ons, co descubrimento dun muro de aparente cronoloxía castrexa fóra da muralla do castro, onde ata o de agora só se atoparan restos de época romana. Promovida co financiamento do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, tratábase da segunda fase duns traballos iniciados no mes de maio, centrada tanto en concluír a intervención arqueolóxica, como en tarefas de conservación do xacemento.
As diferentes escavacións que realizadas polo equipo do arqueoloxía do GEAAT desde o ano 2021 permitiran constatar que o Castelo dos Mouros fora un enclave densamente habitado ao longo de nove séculos, con estratexias de poboamento diferentes. Nese senso, os achados das campañas previas amosaban que os castrexos ocuparon os espazos situados no interior da muralla, mentres que os asentamentos romanos concentráronse na súa parte baixa, estendéndose pola ladeira que descende ata a praia do Canexol, onde o grupo identificara previamente restos de fábricas de salga de peixe.
A Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu este venres a celebración da VIII Xornada Olladas á Antigüidade, que nesta ocasión levou por título A muller e a relixión no mundo antigo. Cada ano, esta cita reúne especialistas de diferentes universidades para achegar ao alumnado diferentes cuestións relacionadas co xénero nas principais culturas da historia antiga, é dicir: Próximo Oriente, Exipto, Grecia e Roma. Nesta ocasión, o foco de interese foi a súa relación coa relixión.
A actividade estivo organizada desde o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, contando co financiamento da Unidade de Igualdade da UVigo. A xornada, explicou a súa coordinadora, Helena López, busca cada ano “profundar en cuestións específicas que, polas limitacións de tempo das materias, non sempre podemos abordar coa profundidade que nos gustaría na aula”. Estas xornadas, engadiu, “permítennos precisamente ampliar esa perspectiva e abordar aspectos da historia antiga desde unha mirada centrada nas relacións de xénero”. Esta edición 2026 está dedicada ao estudo das mulleres e a relixión no mundo antigo, un ámbito, explicou a investigadora da UVigo, “especialmente interesante xa que a relixión constituíu un dos espazos nos que as mulleres puideron desenvolver diferentes formas de participación e protagonismo”.
Ao longo do mes de agosto, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo volveu a realizar unha nova campaña arqueolóxica no xacemento de Armea, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas. Na intervención, contando co financiamento da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense e co apoio do Concello de Allariz, confirmouse que o xacemento esténdese alén da zona xa descuberta e abrangue “gran parte do monte de Armea”. Ademais, localizouse unha segunda casa redonda de época castrexa.
O director do proxecto foi Adolfo Fernández e a directora de campo Alba Rodríguez, contando cun equipo técnico formado por Patricia Valle, Nerea Ruanova e Raúl Méndez. As campañas arqueolóxicas en Armea son ademais un referente para o alumnado peninsular que cada ano busca realizar prácticas no eido arqueolóxico, presentándose solicitudes de estudantes de numerosas universidades de España e Portugal. Nesta ocasión participou alumnado das universidades de Vigo, Cádiz, Barcelona, Sevilla, Complutense de Madrid e Granada e da Universidade do Minho (Portugal). “O máis relevante desta campaña é a aparición de estruturas fóra da Finca da Atalaia, confirmando que o xacemento esténdese por gran parte do monte de Armea, e de estruturas tanto romanas como castrexas, xa que apareceu a segunda casa redonda de Armea”, resume Alba Rodríguez.
Desde o pasado 13 de xullo un equipo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo levou a cabo unha nova campaña de intervención arqueolóxica no xacemento da Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán, situado entre os concellos ourensáns de Oímbra e Monterrei, que permitiu confirmar a súa ocupación prehistórica. “A campaña deste ano rematou cun balance excepcional que reforza o valor patrimonial e científico deste enclave, situado no val do Támega. Os traballos desenvolvidos permitiron documentar novos materiais e estruturas que amplían de xeito notable o coñecemento sobre as distintas ocupacións humanas que se sucederon neste espazo ao longo de milenios”, sinalan desde o proxecto.
A iniciativa enmárcase nunha liña de investigación consolidada da Área de Prehistoria da Universidade de Vigo centrada desde a Facultade de Historia do campus de Ourense no estudo das sociedades da Prehistoria recente no territorio transfronteirizo do val do Alto Támega. A dirección científica correu a cargo de Diego Herrero, en colaboración con Beatriz Comendador, Eduardo Méndez e Mikel Díaz (da Área de Prehistoria da UVigo); Miguel Ángel Álvarez (da Área de Xeografía Física) e de Víctor Rodríguez Muñiz (da Área de Historia Medieval). A dirección arqueolóxica recaeu en Lucía Rodríguez, doutora pola UVigo e actualmente investigadora da Universidad de Alcalá. A actividade contou co financiamento da convocatoria de axudas aos grupos de investigación do campus de Ourense Inou 2026 (froito do convenio anual entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense) e co apoio do Concello de Monterrei.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
A actividade celébrase do 9 ao 13 de xuño levando por o título Produción, distribución e consumo de cerámicas nos territorios atlánticos da península ibérica. Constitúe o encontro bianual da SECAH, sociedade fundada no ano 2009 e dedicada ao impulso dos estudos da cerámica producida e empregada entre os séculos IV a.C. e VII d.C. A entidade agrupa ás e aos arqueólogos de España e Portugal dedicados a este campo e este congreso reúne a todos os seus socios e socias e a outros profesionais da arqueoloxía da península ibérica.
Un equipo da Universidade de Vigo formado por Victoriano Nodar e Diego Fernández está a participar no proxecto Redescubre o Románico de Galicia, promovido pola Fundación Santa María la Real e apoiado por Redeia e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. O seu obxectivo é achegar o románico galego á cidadanía a través de “formatos dixitais e presenciais innovadores”, concretamente un curso online, podcasts, o acceso en liña á Enciclopedia del Románico e un seminario presencial que terá lugar a vindeira semana.
Por parte da UVigo participan desde a Facultade de Historia do campus de Ourense Victoriano Nodar, profesor de Historia da Arte Medieval, e Diego Fernández, investigador predoutoral do Programa de Doutoramento Interuniversitario en Protección do Patrimonio Cultural. O seu traballo céntrase na xeración do contido para o curso virtual (chamado Mooc Redescubre o Románico de Galicia), concretamente a investigación, documentación e a preparación do discurso e as presentacións para cada vídeo do curso. A súa participación faise a través dun contrato de i+D entre a UVigo e a Fundación Santa María la Real. Ademais, os dous participan como relatores no seminario do proxecto e colaboran na súa organización.
Organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, os premios Follas Novas galardoaron na súa edición 2026 dúas obras de investigadoras da UVigo, que aínda que centradas en épocas históricas diferentes, a prehistoria e a historia antiga, unha delas, e na historia moderna, a outra, coinciden no seu carácter reivindicativo do papel das mulleres neses períodos. Na categoría Premio á obra de divulgación Follas Novas 2026 o galardón foi para a obra coral de oito investigadoras Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?; mentres que no apartado de obra de ensaio e investigación o traballo da doutoranda da UVigo Alba Rodríguez Saavedra, Ruth Matilda Anderson.Tradutora das marxes, editada por Laiovento, foi o que acadou o recoñecemento de escritores, editores e librarías de Galicia.
Froito da colaboración, entre a UVigo e a Editorial Galaxia, que o publicou ao abeiro da súa colección Feminismos, Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia? recompila os traballos de oito investigadoras relacionadas coa institución académica viguesa, co obxectivo de contribuír a restaurar o papel das mulleres revisitando a historia. “Para as investigadoras que participamos neste volume, a entrega deste premio é moi importante. Precisamente, polo eido en que se consegue, que é a divulgación no ámbito humanístico, e en concreto a historia, que parece, aparentemente, que a pode facer case todo o mundo”, explica a catedrática do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da UVigo Susana Reboreda Morillo, coordinadora do volume e autora dun dos seus capítulos. Neste sentido, Reboreda reivindica o papel e a formación das historiadoras “que temos un título, unha metodoloxía e sabemos que fontes utilizar para contrastar a información”.