Desde o ano 2021, membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo e do Institut National des Sciences de l’Archéologie et du Patrimoine (INSAP) de Marrocos desenvolven o proxecto arqueolóxico internacional MA.RO.CO. O seu obxectivo é afondar no coñecemento do xacemento marroquí de Tahaddart (Assilah), dedicado á produción industrial de salgas de peixe, e no comercio en época romana na fachada atlántica dese país. Ao seu abeiro, téñense realizado tres intervencións arqueolóxicas conxuntas que permitiron a recollida de numeroso material, como milleiros de fragmentos de cerámica, vidro, material lítico e restos orgánicos como ósos, sementes, madeiras, cunchas e restos de peixe. Durante as dúas últimas semanas, o equipo marroquí-español participante estivo traballando nas cidades de Tánxer e Larache no rexistro e estudo deste material.
O proxecto MA.RO.CO, que ten unha duración de cinco anos, ata 2025, realízase ao abeiro dun convenio de colaboración en materia de patrimonio cultural asinado entre o INSAP, do Ministerio de Cultura do Reino de Marrocos, e a Universidade de Vigo. Ademais, está financiado pola Xunta de Galicia, a través da convocatoria para proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. Está dirixido polo arqueólogo do GEAAT Adolfo Fernández, polo investigador do INSAP Mohamed Kbiri-Alaoui e pola profesora da Universidade de Kenitra Meriem Hansali.
No Museo de Lixus e de Kasbah
O xacemento de Tahaddart sitúase no norte de Marrocos, a uns 20 quilómetros ao sur da cidade de Tánxer, nunha lingua de area entre o océano Atlántico e unha gran lagoa interior. Trátase dun complexo de época romana en moi bo estado de conservación no que destacan varias grandes fábricas de salgadura de peixe. Os traballos realizados ao longo destes anos no marco do proxecto MA.RO.CO permitiron ampliar as dimensións coñecidas do xacemento, descubrindo novas factorías de salgadura romanas e numerosos restos materiais, entre eles unha abundante mostra de peixe, a primeira deste tipo que se analiza. O material arqueolóxico atopado foi depositado no Museo de Lixus, preto da cidade de Larache, e no seu estudo traballou desde o pasado 31 de maio e ata este venres o equipo hispano-marroquí, composto no caso do GEAAT por Adolfo Fernández, Fermín Pérez, Patricia Valle, Alba A. Rodríguez e Marta Lago.
O traballo realizado centrouse na identificación, rexistro, debuxo e estudo de material arqueolóxico recuperado nas tres campañas de escavacións realizadas en Tahaddart. Ao longo destas dúas semanas contaron ademais coa colaboración de investigadores doutras institucións, concretamente da Universidad de León, para a análise de restos de fauna; do Museu Nacional de Conímbriga (Portugal), para a parte de numismática; do ICREA e da Universitat de Barcelona, para a caracterización de cerámica, e da Universidade de Porto, para o estudo de restos orgánicos, como sementes e madeiras. Durante a estadía, o equipo do proxecto tamén realizou traballos de investigación no Museo da Kasbah (Tánxer) na procura de máis información de xacementos do norte de Marrocos para o seu estudo e incorporación ao proxecto. Concretamente centráronse na análise de material procedente do xacemento de Cotta, escavado polo arqueólogo francés Michel Ponsich nos anos 50 inicios dos 60 do pasado século.