Nos concellos ourensáns de Monterrei e Oímbra, ocupando máis de dúas hectáreas de terreo amuralladas nun enclave defensivo “excepcional”, atópase o xacemento de A Cerca-Muro de Búbal. Recentemente un equipo de arqueoloxía da Universidade de Vigo realizou nel unha primeira intervención arqueolóxica que permitiu recuperar parte do seu muro danado, descubrir a súa porta de entrada, datar o xacemento arredor do século I antes de Cristo e lanzar a hipótese do que o lugar é o Forum Bibalorum, o lugar de encontro do pobo castrexo dos bíbalos.
Promovido polos concellos de Monterrei e Oímbra e cun financiamento para 2019 de 40.000 euros por parte da Deputación de Ourense, o proxecto de intervención no xacemento está desenvolvido por membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, sendo Adolfo Fernández o director científico e Patricia Valle a directora da intervención en campo. Completan o equipo dous alumnos de predoutoramento da Universidade de Vigo, outro arqueólogo, unha conservadora-restauradora, dous canteiros e a empresa Servitec Medioambiente. Os traballos de intervención-escavación desenvolvéronse entre o 1 de outubro e o 29 de novembro.