A tumba máis antiga conservada dun arcebispo de Santiago de Compostela é a de Bernardo II, do século XIII, que se atopa na igrexa de Santa María de Sar, situada na capital galega. O Museo Colexiata de Sar desenvolve un proxecto de recuperación desta figura e ao seu abeiro, e por encargo do Arcebispado de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo participou na dixitalización do sepulcro e na xeración dun modelo tridimensional preciso del.
Segundo explican desde o proxecto, Bernardo II, que gobernou a sé de Santiago de Compostela entre 1224 e 1237, decidiu renunciar ese ano e retirarse ao priorado de Sar, onde viviu como cóengo ata 1240. O seu corpo foi enterrado nunha tumba que consiste nun leito decorado con dúas elaboradas inscricións e unha tapa na que se esculpiu a efixie do arcebispo. “Trátase dunha das mellores esculturas de mediados do século XIII de Santiago de Compostela e representa o prelado con traxe pontificio cos ollos pechados nunha especie de ‘morte-sono’”, sinalan. Este sepulcro, engaden, constitúe “o principal testemuño que hai de Bernardo II”.
