Ao longo do mes de agosto, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo volveu a realizar unha nova campaña arqueolóxica no xacemento de Armea, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas. Na intervención, contando co financiamento da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense e co apoio do Concello de Allariz, confirmouse que o xacemento esténdese alén da zona xa descuberta e abrangue “gran parte do monte de Armea”. Ademais, localizouse unha segunda casa redonda de época castrexa.
O director do proxecto foi Adolfo Fernández e a directora de campo Alba Rodríguez, contando cun equipo técnico formado por Patricia Valle, Nerea Ruanova e Raúl Méndez. As campañas arqueolóxicas en Armea son ademais un referente para o alumnado peninsular que cada ano busca realizar prácticas no eido arqueolóxico, presentándose solicitudes de estudantes de numerosas universidades de España e Portugal. Nesta ocasión participou alumnado das universidades de Vigo, Cádiz, Barcelona, Sevilla, Complutense de Madrid e Granada e da Universidade do Minho (Portugal). “O máis relevante desta campaña é a aparición de estruturas fóra da Finca da Atalaia, confirmando que o xacemento esténdese por gran parte do monte de Armea, e de estruturas tanto romanas como castrexas, xa que apareceu a segunda casa redonda de Armea”, resume Alba Rodríguez.
