Un equipo de nove persoas traballa xa cada fin de semana nunha nova intervención arqueolóxica no xacemento galaico-romano de Santa Lucía, en Astariz, no concello ourensán de Castrelo de Miño. Trátase da terceira campaña que desenvolven neste enclave membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (GEAAT). Os arqueólogos e arqueólogas buscan novas estruturas no seu aterrazamento principal e están a realizar o rexistro fotogramétrico de varios sectores do castro.
O proxecto, que conta con financiamento do Concello de Castrelo de Miño e da Universidade de Vigo, ten como director a Fermín Pérez, un dos investigadores principais do GEAAT e profesor na Facultade de Historia do campus de Ourense, e a Jessica Silvares, arqueóloga do GEAAT, como directora da intervención arqueolóxica. Completan o equipo sete estudantes de grao e mestrado da Facultade de Historia en réxime de prácticas. Os traballos de campo, explica Fermín Pérez, desenvólvense as fins de semana, concretamente os venres e sábados, que abranguen desde o 31 de xaneiro ata o 4 de abril, co obxectivo de ser compatibles co horario académico do alumnado en prácticas, sumando un total de 16 días.