A catedrática emérita de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo, María Victoria Carballo-Calero, recibiu este domingo o Premio Trasalba 2021, outorgado pola Fundación Otero Pedrayo co apoio da Xunta de Galicia. O acto de entrega celebrouse no Pazo-Museo Otero Pedrayo de Trasalba, que acolle a sede da fundación, contando coa asistencia, entre outras autoridades, de Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, e Anxo M. Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia. A laudatio do galardón correu a cargo de Jorge Varela e a homenaxe incluíu presentación do libro María Victoria Carballo-Calero Ramos. Verde lus nas pupilas de pedra, presentado por Susana Reboreda, da Fundación Otero Pedrayo e tamén decana da Facultade de Historia do campus de Ourense. O secretario xeral de Cultura felicitou á galardoada polo recoñecemento e polo bo traballo feito ao longo de toda a súa traxectoria, especialmente no eido da arte contemporánea e da arquitectura e agradeceu o labor que fai a Fundación Otero Pedrayo para favorecer á divulgación da cultura galega e manter viva a memoria e a promoción da obra de Ramón Otero Pedrayo a través de iniciativas como este Premio Trasalba, que este ano celebra a súa trixésimo oitava edición.