Tras a descuberta en 2017 de pinturas rupestres de estilo esquemático no xacemento arqueolóxico do Penedo Gordo (Vilardevós-Ourense), un equipo de investigación multidisciplinar das universidades de Vigo e Coimbra (Portugal) traballou no estudo destes vestixios “excepcionais”. Unha das súas liñas de traballo principais foi deseñar e pór en práctica un protocolo multianalítico para caracterizar estas pinturas prehistóricas, combinando técnicas analíticas in situ e de laboratorio. Na realización desta caracterización, na que participaron investigadores de Historia, Enxeñaría de Minas e Enerxía e Enxeñaría Industrial da UVigo, descubriron unha pinga de pigmento vermello preservada nunha capa arqueolóxica asociada a restos materiais do Neolítico final/Idade do Cobre.
O estudo que recolle esta caracterización foi publicado recentemente na revista Minerals nun artigo titulado Methodological Approach (In Situ and Laboratory) for the Characterisation of Late Prehistoric Rock Paintings-Penedo Gordo (NW Spain). Nel participaron por parte da Universidade de Vigo José Santiago Pozo (Grupo Xestión Segura e Sostible dos Recursos Minerais-GESSMin e Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía); Beatriz Comendador (Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio-GEAAT e Facultade de Historia) e Pablo Barreiro (Grupo Novos Materiais e Escola de Enxeñaría Industrial). Completou o equipo Lara Bacelar Alves, do Centro de Estudos em Arqueologia, Artes e Ciências do Património da Universidade de Coimbra.
O proxecto de investigación arredor das pinturas de Penedo Gordo, financiado pola Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, permitiu que este grupo multidisciplinar puidera traballar conxuntamente para caracterizar a composición das pinturas rupestres de tradición esquemática do Penedo Gordo (Vilardevós), vinculadas a restos arqueolóxicos inseribles nun período entre o Neolítico medio e o Neolítico final e poder identificar posibles materiais colorantes. “Estas pinturas atópanse sobre un afloramento cuarcítico moi heteroxéneo en composición e cromaticidade. Foron identificados dous paneis con pinturas rupestres no sector oeste e tres no sector norte. En conxunto atopáronse puntos dixitados de contorna ovalada, antropomorfos e motivos xeométricos”, explican as e os investigadores.