No marco dunha colaboración internacional entre o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat) e o proxecto de investigación europeo RAW RockArt, Words and Warriors (Arte Rupestre e Interacción Marítima na Europa Atlántica), o conxunto de gravados rupestres de Penedo do Muro (Sandín, Flariz, Monterrei, Ourense) foi recentemente obxecto dunha actuación para a realización dun rexistro dixital de alta resolución.
O traballo de documentación, autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, estivo dirixido pola arqueóloga do Geaat Beatriz Comendador Rey. O equipo de intervención que se desprazou a Ourense por parte do proxecto RAW RockArt, Words and Warriors (Hällristningar och maritim interaktion i Atlantiska Europa, 2019-2022), financiado pola Fundación Sueca de Investigación Vetenskapsrådet, estivo formado por Johan Ling (University of Gothenburg); Magnus Artursson (Sweedish National Historical Museum/ University of Gothenburg) e Marta Díaz-Guardamino Uribe (Durham University), responsable esta última do traballo desenvolvido na península ibérica no marco deste proxecto. Esta colaboración, indican desde o Geaat, é unha mostra do esforzo “de internacionalización e de amosar o rico patrimonio rupestre da comarca de Monterrei alén dos nosos núcleos académicos, xa que a arte rupestre do interior transfronteirizo actualmente queda fóra dos itinerarios temáticos rupestres europeos, como é o caso do CAARP”.
A actuación realizada no conxunto arqueolóxico ourensán, explica Beatriz Comendador, centrouse no petróglifo de Penedo do Muro 1 e no petróglifo de Penedo do Muro 2, a escasos 20 metros ao norte do anterior, separado por un muro tradicional de división de fincas. No primeiro caso fíxose un rexistro parcial e no segundo un rexistro case completo. A nova documentación realizada emprega técnicas como o escaneado con láser portátil de gran precisión e Reflectance Transformation Imaging (RTI) para algún dos detalles. “Unha das cousas que permite estudar esta resolución tan ampla é por exemplo comparar a tecnoloxía dos diferentes tipos de sucos con que están feitos os gravados na pedra, para ver se todos os gravados son da mesma época ou non, que é unha cousa que non sabemos con certeza. O rexistro definitivo permitirá facer o estudo microtopográfico da superficie da pedra”, comenta Beatriz Comendador. Ata o de agora, as e os investigadores dispoñían dun calco dixital dos gravados obtido no 2019 polo Geaat a partir dunha fotogrametría que fora realizada en 2014.