A Faculta de Historia do campus de Ourense organizou este venres unhas xornadas nas que se abordou a infancia desde unha perspectiva histórica. Especialistas de varias universidades achegáronse a diferentes cuestións deste período da vida na Idade Moderna, na antiga Grecia e en relación a movementos revolucionarios. A actividade estivo organizada polo centro en colaboración coas áreas que imparten docencia nel e co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense.
Na inauguración da cita, o vicedecano da facultade Antonio Presedo, destacou que “os historiadores temos moito que dicir neste tema da infancia”, explicando o papel destes profesionais no coñecemento do pasado para contribuír a entender o presente e a construír un futuro mellor. Ademais, apuntou a relevancia de abordar esta cuestión tendo en conta os retos actuais que afronta a sociedade, desde o crecemento demográfico ata o desenvolvemento sostible.
Da Cuba revolucionaria á antiga Grecia
As dúas primeiras conferencias correron a cargo de persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela. Eudald Cortina ofreceu a conferencia Medrando en revolución. Un achegamento á Guardería Montonera e ao Proyecto Hogares. Nela, abordou “procesos de exilios infantís, en concreto dous proxectos que existiron na Habana, Cuba, vinculados ao movemento de esquerda revolucionaria de Chile e a Montoneros de Arxentina” e que se desenvolveron arredor de 1979 a 1985. Tratáronse, indicou, de dous proxectos impulsados pola necesidade de acoller ou protexer aos nenos e nenas de militantes deses países no proceso de retorno a eles, no marco do que se chamaron contraofensivas ou proxectos de retorno armado para combater as ditaduras militares que se instauraron neles. “Eran nenos arxentinos ou chilenos previamente exiliados, posiblemente en Europa ou noutra parte de América Latina, fundamentalmente en México, que cando as organizacións dos seus pais deciden que hai que retornar para facer procesos de resistencia armada ás ditaduras que había nos seus países adoptan a decisión de crear garderías nun espazo máis ou menos seguro como era Cuba, onde estes nenos vanse a socializar dalgunha maneira nunha perspectiva de nova esquerda revolucionaria”, detalla o investigador. Neste caso, indicou, “a infancia acababa sendo parte dun proxecto militante”.
Seguiulle unha intervención de Hortensio Sobrado sobre a historia da infancia e xuventude na Idade Moderna, no ámbito galego e estatal e entre os séculos XVI e XVIII. Nesa etapa, apuntou, a “infancia foi unha idade incerta pola elevada mortalidade infantil e abandonábanse moitos nenos; había unha grande incidencia da miseria”. O historiador tamén abordou ao longo da súa intervención aspectos como os xogos na infancia, o traballo infantil, a alfabetización e as novas tendencias historiográficas que apuntan que a infancia e a adolescencia si existiron nesa etapa e noutros períodos, tendo en conta a conxuntura histórica de cada momento, e en contra de outros autores que teñen sinalado que son “unha invención do período contemporáneo”.
Pecharon a xornada conferencias do persoal docente e investigador da Universidade Autónoma de Madrid Gemma Cobo, que falou da “educación do corazón na nenez e o seu reflexo na cultura visual da Idade Moderna”, e de Adolfo Domínguez, que se achegou á infancia na antiga Grecia.