Desde o pasado 13 de xullo un equipo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo levou a cabo unha nova campaña de intervención arqueolóxica no xacemento da Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán, situado entre os concellos ourensáns de Oímbra e Monterrei, que permitiu confirmar a súa ocupación prehistórica. “A campaña deste ano rematou cun balance excepcional que reforza o valor patrimonial e científico deste enclave, situado no val do Támega. Os traballos desenvolvidos permitiron documentar novos materiais e estruturas que amplían de xeito notable o coñecemento sobre as distintas ocupacións humanas que se sucederon neste espazo ao longo de milenios”, sinalan desde o proxecto.
A iniciativa enmárcase nunha liña de investigación consolidada da Área de Prehistoria da Universidade de Vigo centrada desde a Facultade de Historia do campus de Ourense no estudo das sociedades da Prehistoria recente no territorio transfronteirizo do val do Alto Támega. A dirección científica correu a cargo de Diego Herrero, en colaboración con Beatriz Comendador, Eduardo Méndez e Mikel Díaz (da Área de Prehistoria da UVigo); Miguel Ángel Álvarez (da Área de Xeografía Física) e de Víctor Rodríguez Muñiz (da Área de Historia Medieval). A dirección arqueolóxica recaeu en Lucía Rodríguez, doutora pola UVigo e actualmente investigadora da Universidad de Alcalá. A actividade contou co financiamento da convocatoria de axudas aos grupos de investigación do campus de Ourense Inou 2026 (froito do convenio anual entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense) e co apoio do Concello de Monterrei.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
A actividade celébrase do 9 ao 13 de xuño levando por o título Produción, distribución e consumo de cerámicas nos territorios atlánticos da península ibérica. Constitúe o encontro bianual da SECAH, sociedade fundada no ano 2009 e dedicada ao impulso dos estudos da cerámica producida e empregada entre os séculos IV a.C. e VII d.C. A entidade agrupa ás e aos arqueólogos de España e Portugal dedicados a este campo e este congreso reúne a todos os seus socios e socias e a outros profesionais da arqueoloxía da península ibérica.
Un equipo da Universidade de Vigo formado por Victoriano Nodar e Diego Fernández está a participar no proxecto Redescubre o Románico de Galicia, promovido pola Fundación Santa María la Real e apoiado por Redeia e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. O seu obxectivo é achegar o románico galego á cidadanía a través de “formatos dixitais e presenciais innovadores”, concretamente un curso online, podcasts, o acceso en liña á Enciclopedia del Románico e un seminario presencial que terá lugar a vindeira semana.
Por parte da UVigo participan desde a Facultade de Historia do campus de Ourense Victoriano Nodar, profesor de Historia da Arte Medieval, e Diego Fernández, investigador predoutoral do Programa de Doutoramento Interuniversitario en Protección do Patrimonio Cultural. O seu traballo céntrase na xeración do contido para o curso virtual (chamado Mooc Redescubre o Románico de Galicia), concretamente a investigación, documentación e a preparación do discurso e as presentacións para cada vídeo do curso. A súa participación faise a través dun contrato de i+D entre a UVigo e a Fundación Santa María la Real. Ademais, os dous participan como relatores no seminario do proxecto e colaboran na súa organización.
Organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, os premios Follas Novas galardoaron na súa edición 2026 dúas obras de investigadoras da UVigo, que aínda que centradas en épocas históricas diferentes, a prehistoria e a historia antiga, unha delas, e na historia moderna, a outra, coinciden no seu carácter reivindicativo do papel das mulleres neses períodos. Na categoría Premio á obra de divulgación Follas Novas 2026 o galardón foi para a obra coral de oito investigadoras Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?; mentres que no apartado de obra de ensaio e investigación o traballo da doutoranda da UVigo Alba Rodríguez Saavedra, Ruth Matilda Anderson.Tradutora das marxes, editada por Laiovento, foi o que acadou o recoñecemento de escritores, editores e librarías de Galicia.
Froito da colaboración, entre a UVigo e a Editorial Galaxia, que o publicou ao abeiro da súa colección Feminismos, Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia? recompila os traballos de oito investigadoras relacionadas coa institución académica viguesa, co obxectivo de contribuír a restaurar o papel das mulleres revisitando a historia. “Para as investigadoras que participamos neste volume, a entrega deste premio é moi importante. Precisamente, polo eido en que se consegue, que é a divulgación no ámbito humanístico, e en concreto a historia, que parece, aparentemente, que a pode facer case todo o mundo”, explica a catedrática do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da UVigo Susana Reboreda Morillo, coordinadora do volume e autora dun dos seus capítulos. Neste sentido, Reboreda reivindica o papel e a formación das historiadoras “que temos un título, unha metodoloxía e sabemos que fontes utilizar para contrastar a información”.
- Unhas xornadas somérxense no papel da auga na historia
- Publicados novos datos sobre a subsistencia paleolítica no xacemento de Cova Eirós, en Triacastela
- Un proxecto pon sobre a mesa a importancia da alimentación e a comensalidade no mundo antigo
- Unha guía didáctica aborda a alimentación como patrimonio cultural, histórico e territorial