En nome de cantos integramos a Facultade de Historia de Ourense e, en particular, do seu equipo de goberno, quero dar a benvida a todo o alumnado e a todas as persoas interesadas nos estudos que se imparten no Centro. As nosas instalacións están situadas no «campus norte», na zona máis próxima ao centro da cidade. O noso espazo de referencia é o coñecido popularmente como «Edificio de Ferro», punto de encontro habitual do colectivo formado por estudantes, persoal de administración e servizos e docentes.
Somos un centro público de ensino superior e como tal noso principal obxectivo é formar persoas que contribúan activamente ao desenvolvemento da sociedade, ofrecendo unha formación integral máis aló das diferentes titulacións que ofertamos. Os nosos acenos de identidade foron desde sempre a aposta pola máxima calidade da docencia, o rigor científico da formación e a especial relación coa nosa contorna, compatible coa aposta polos programas de mobilidade do estudantado como corresponde a unha Facultade moderna e dinámica.
Estes ingredientes son a base esencial da nosa comunidade de estudo, de investigación e de pensamento. Entender mellor noso presente a través da comprensión das complexas interaccións que deron sentido ao mundo de quen nos precederon, non é só o mellor mecanismo para espertar a nosa conciencia crítica, fomentar a tolerancia e o respecto ás diversidades ou promover a responsabilidade e o compromiso. É, sobre todo, o faro que debe guiar a nosa acción individual e comunitaria ao servizo da construción dunha sociedade máis humana, máis xusta e máis solidaria. E este é tamén o sentido deste saúdo, que quere ser á vez convite e agradecemento a aqueles e a aquelas que decidistes embarcarvos na apaixonante tarefa de «Facer Historia Con Nós».
Julio Prada Rodríguez
Decano da Facultade de Historia