A Facultade de Historia do campus de Ourense foi o lugar elixido para a celebración este xoves e venres das II Xornadas de Investigación en Patrimonio Cultural. A actividade estivo organizada no marco do Programa Interuniversitario de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural, ofrecido polas universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña.
As xornadas presentáronse como un espazo de encontro e intercambio científico entre o alumnado e o profesorado do programa, e contou coa participación de estudantado seu e de persoas egresadas que compartiron a súa experiencia investigadora e profesional. En total contou con 15 conferencias doutros tantos novos e novas investigadoras e unha mesa redonda de egresados e egresadas. O evento foi semipresencial, podendo seguirse de xeito presencial ou a través do Campus Remoto da UVigo. “As primeiras xornadas fixéranse en Trasalba antes da pandemia e este ano decidimos retomalas para ofrecerlle aos nosos doutorandos un punto de encontro, un espazo no que compartir procesos de investigación e xerar redes de traballo e apoio entre eles”, explicou a profesora da UVigo Beatriz Comendador, coordinadora deste programa de doutoramento.
A Carteira de Servizos de Fisioterapia de Atención Primaria e Comunitaria impulsada polo Sergas en 2024 levou á implantación nos centros de atención primaria dunha serie de programas de exercicio terapéutico, que buscan mellorar a sintomatoloxía e a calidade de vida de persoas afectadas por diferentes patoloxías. Co obxectivo de avaliar os seus efectos, investigadoras da Facultade de Fisioterapia traballan conxuntamente coas responsables das Unidades de Fisioterapia de Atención Primaria de cinco centros de saúde da Área Sanitaria de Vigo no desenvolvemento dun estudo clínico observacional de tres dos programas incluídos nesta carteira. Desenvolvido polo grupo de investigación Isaúde, adscrito tamén ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, o obxectivo deste traballo é reunir os primeiros datos sobre as melloras que poden xerar uns programas dirixidos a persoas con dor crónica, con risco de fraxilidade e con patoloxías asociadas ao solo pelviano.
“Moitos estudos relacionan a vida activa e o exercicio terapéutico con, por exemplo, a redución da dor crónica”, sinala a investigadora Irimia Mollinedo, coordinadora do recentemente constituído grupo de investigación Isaúde. Nese senso, Mollinedo destaca o “cambio de paradigma” que supón a implantación de programas que “apostan pola inclusión do exercicio terapéutico, como abordaxe principal, para tratar pacientes con diferentes patoloxías”. Concretamente, os estudos que coordina a investigadora Iris Machado céntranse en tres dos once programas incluídos nesta carteira de servizos. Trátase do programa de detección precoz do sedentarismo e da inactividade, promoción da actividade física e prescrición do exercicio terapéutico no ámbito comunitario, Activa a túa saúde, dirixido a persoas con enfermidades musculoesqueléticas e reumatolóxicas; o programa para a prevención da fraxilidade e risco de caídas na persoa maior, Axilidade, destinado a “pacientes con síndrome de fraxilidade”; e o programa de solo pelviano, para persoas “con diferentes trastornos asociados ao conxunto de músculos e ligamentos presente na base de pelve”.
Cada ano, a Área de Historia Antiga da Universidade de Vigo celebra unhas xornadas que teñen como obxectivo visibilizar algún aspecto concreto sobre o papel da muller na historia. Este venres, a Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu unha nova edición desta iniciativa, que levou por título VII Xornadas olladas á Antigüidade. A infancia feminina no mundo antigo. A cita contou con catro conferencias doutros tantos investigadores e investigadoras de diferentes universidades e centros de investigación estatais sobre as nenas no mundo sumerio, no antigo Exipto, na antiga Roma e en Atenas.
Na apertura da actividade, Julio Prada, decano da Facultade de Historia, salientou que “nun grao xeralista como o noso de Xeografía e Historia, este tipo de xornadas permiten afondar en contidos nos que non hai tempo de entrar na aula”. A iniciativa, detallou, supón unha oportunidade tanto para visibilizar o papel da muller na historia como para dar a coñecer o traballo de novas e novos investigadores da Universidade de Vigo e doutras institucións académicas convidadas, e nomeadamente da Facultade de Historia ourensá.
Este xoves e venres a Facultade de Historia do campus de Ourense foi o escenario elixido para a celebración do encontro científico internacional Alimentación e comensalidade no mundo antigo: prácticas alimentarias e dinámicas sociais. A cita, organizada desde o centro por Susana Reboreda e Helena López, tivo como obxectivo profundar no estudo da alimentación e o uso dos alimentos na Antigüidade, abordando non só a súa función para garantir a supervivencia e o benestar das sociedades, senón tamén o seu papel na configuración de costumes, rituais e relacións sociais. A iniciativa estivo financiada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional en colaboración coa Universidade de Vigo no marco do desenvolvemento de accións estratéxicas do Campus Auga (2024–2027).
“Analizar como factores como a idade, o xénero e a posición social influíron no acceso aos alimentos e no seu significado simbólico resulta esencial para comprender a dinámica das comunidades antigas. Casos como o sistema de alimentación romano ou as prácticas espartanas, que priorizaban a nutrición de determinados grupos cidadáns, permiten arroxar luz sobre a complexa relación entre alimentación, identidade e poder no mundo antigo”, sinalan desde a organización do encontro. Ao longo dos dous días de actividade un amplo abano de investigadoras e investigadores dunha decena de universidades e institucións abordaron esta temática desde diferentes perspectivas, podendo escoitarse intervencións sobre cuestións como os banquetes rituais nos contextos funerarios durante o Reino Novo; a alimentación como estratexia política durante o Imperio Romano; Harpócrates no Exipto grecorromano a través da coroplástica e as mulleres imperiais e as prácticas comensais como formas de acceso ao poder na Roma altoimperial.
- A Universidade de Vigo abre as súas portas ao novo alumnado
- Arranca unha nova campaña arqueolóxica no xacemento de Armea
- Arqueólogos da UVigo descubriron no xacemento de Armea o primeiro trilobite confirmado da época romana
- O curso ‘Ourense no tempo’ percorre a historia, a arte e as tradicións da provincia