Con moitas ganas, moitas expectativas e algo de nervios, este mércores o alumnado que comeza a súa vida universitaria no campus de Ourense achegouse á xornada de benvida organizada para elas e eles. O curso académico 2025/2026 arranca oficialmente este luns día 8 e a Universidade de Vigo recibe estes días ao alumnado de novo ingreso en cada un dos seus campus cunha xornada de acollida informativa e lúdica na que o estudantado pode coñecer os servizos e instalacións que teñen á súa disposición. Coa matrícula aínda aberta, a UVigo dá a benvida a un novo curso académico coa previsión de revalidar as súas elevadas taxas de ocupación, superiores ao 100% en todos os seus campus nos últimos anos.
Na xornada de benvida celebrada de 10.00 a 13.00 horas no pavillón de deportes do campus de Ourense, mozas e mozos puideron obter información sobre a institución académica, sobre os seus dereitos e deberes, sobre os servizos informáticos, o transporte e o aloxamento, o voluntariado e o asociacionismo, as bolsas e axudas que poden solicitar e a oferta académica complementaria que ofrece o Centro de Posgrao e Formación Permanente e o Centro de Linguas. Tamén puideron coñecer a biblioteca universitaria, os programas de mobilidade, as iniciativas de fomento do emprego e do emprendemento e as actividades de extensión universitaria e de benestar, saúde e deporte. Non faltaron os postos de atención á diversidade, da Unidade de Igualdade e de delegacións e asociacións de estudantes, así como o reparto das axendas para o novo curso elaboradas coa axuda económica do Consello Social da UVigo.
Este luns o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo arrancou unha nova campaña arqueolóxica no xacemento de Armea, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz). Ao longo de catro semanas, con financiamento da Deputación de Ourense e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e co apoio do Concello de Allariz, buscarán ampliar a zona escavada e o coñecemento deste enclave.
Esta será a campaña número 14 deste proxecto arqueolóxico, un dos que ten unha máis ampla traxectoria na arqueoloxía galega. O GEAAT, con sede no campus de Ourense, leva desde o ano 2011 estudando este xacemento, que destaca polo seu grao de conservación e o feito de estar nunha contorna rural, cunha campaña arqueolóxica cada verán. É ademais, un referente para o alumnado peninsular que cada ano busca realizar prácticas no eido arqueolóxico, presentándose cada ano máis dun centenar de solicitudes de estudantes de numerosas universidades de España e Portugal. As intervencións anuais realizadas apuntan a que Armea foi “unha auténtica cidade romana”, ocupada arredor do século I despois de Cristo e abandonada no III, que suporía despois da cidade de Lugo o principal tecido urbano de época romana de Galicia. Ademais, nas últimas campañas, téñense atopado restos dunha ocupación anterior á romana, da Idade de Ferro, ampliando a cronoloxía histórica deste enclave.
Aínda que o descubrimento remóntase ao ano 2021, non foi ata onte cando a revista Archaeological and Anthropological Sciences publicaba o achado realizado por integrantes do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, que hai anos traballan no xacemento ourensán de Arema, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), do primeiro trilobite confirmado da época romana. Foi nunha estancia utilizada como vertedoiro das vivendas romanas, entre miles de obxectos recuperados, sobre todo cerámicos, onde o equipo liderado polo docente e investigador Adolfo Fernández descubriu o que se confirma como o undécimo trilobite coñecido, localizado nun contexto arqueolóxico, procedente dun asentamento romano, que data dos séculos I-III d.C, escavado na Cibdá de Armea.
“O espécime representa o primeiro trilobite confirmado de época romana e é o terceiro do rexistro arqueolóxico mundial recollido e utilizado por humanos hai máis de 1000 anos. As súas características paleontolóxicas e de conservación permiten situar a súa probable orixe no afloramento de esquisto del Ordovícico Medio no centro-sur da península ibérica, a máis de 430 quilómetros do xacemento onde se atopou”, explican as e os investigadores. Sobre as modificacións que o exemplar, un membro da familia Reedocalymeninae (Colpocoryphe sp.), de entre 453–460 millón de anos e orixinario da zona centroibérica meridional do macizo ibérico, presenta na súa parte inferior, interprétanse como indicadores do seu posible uso dentro dun colgante ou pulseira, probablemente servindo como amuleto con propiedades máxicas ou protectoras.
Este mércores arrancou na Facultade de Historia do campus de Ourense a terceira edición do curso Ourense no Tempo: Historia, Arte e Tradicións. Nel faise divulgación científica das investigacións que leva a cabo a comunidade universitaria do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo en temáticas relacionada coa provincia de Ourense así como as de outro persoal investigador externo especializado.
Cunha duración de 35 horas, a iniciativa forma parte da programación de cursos de extensión universitaria, os chamados cursos de verán, que ofrece neste 2025 a Vicerreitoría do campus de Ourense co apoio da Deputación de Ourense. O seu director é o historiador e profesor José Ramón Campos, que destacou na inauguración do evento este mércores xunto a Julio Prada, decano da Facultade de Historia, que este curso celebra a súa terceira edición grazas á boa acollida que ten cada ano, cunha media de 40 persoas matriculadas e unha boa avaliación por parte das e dos asistentes.