Organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, os premios Follas Novas galardoaron na súa edición 2026 dúas obras de investigadoras da UVigo, que aínda que centradas en épocas históricas diferentes, a prehistoria e a historia antiga, unha delas, e na historia moderna, a outra, coinciden no seu carácter reivindicativo do papel das mulleres neses períodos. Na categoría Premio á obra de divulgación Follas Novas 2026 o galardón foi para a obra coral de oito investigadoras Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?; mentres que no apartado de obra de ensaio e investigación o traballo da doutoranda da UVigo Alba Rodríguez Saavedra, Ruth Matilda Anderson.Tradutora das marxes, editada por Laiovento, foi o que acadou o recoñecemento de escritores, editores e librarías de Galicia.
Froito da colaboración, entre a UVigo e a Editorial Galaxia, que o publicou ao abeiro da súa colección Feminismos, Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia? recompila os traballos de oito investigadoras relacionadas coa institución académica viguesa, co obxectivo de contribuír a restaurar o papel das mulleres revisitando a historia. “Para as investigadoras que participamos neste volume, a entrega deste premio é moi importante. Precisamente, polo eido en que se consegue, que é a divulgación no ámbito humanístico, e en concreto a historia, que parece, aparentemente, que a pode facer case todo o mundo”, explica a catedrática do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da UVigo Susana Reboreda Morillo, coordinadora do volume e autora dun dos seus capítulos. Neste sentido, Reboreda reivindica o papel e a formación das historiadoras “que temos un título, unha metodoloxía e sabemos que fontes utilizar para contrastar a información”.
A Facultade de Historia celebrou este xoves as xornadas A auga na historia. Nelas, diferentes especialistas abordaron o papel que xogaron os recursos hídricos ao longo do tempo e desde perspectivas diversas. A iniciativa estivo apoiada pola Vicerreitoría do campus de Ourense e en liña co Campus Auga, o proxecto de especialización deste campus acreditado e financiado pola Xunta de Galicia.
A inauguración da cita contou coa participación de Julio Prada, decano da facultade organizadora, que explicou que cada ano o centro organiza unhas xornadas o último xoves de abril nas que aborda unha temática de xeito transversal, rachando os estancos dos períodos e etapas históricas ou xeografías. Nesta ocasión, detallou, a temática elixida foi a auga, en liña co Campus Auga, apuntando que aínda que o centro e os seus grupos de investigación non forman parte directamente deste proxecto de especialización si colaboran con el en diferentes iniciativas, como a celebrada este xoves. O responsable académico tamén agradeceu a implicación nesta xornada das áreas de Arqueoloxía, Historia de América e Análise Xeográfica Rexional da UVigo, que participaron na súa organización.
Os estudos sobre as estratexias de subsistencia levadas a cabo polos grupos de cazadores-recolectores das Serras Orientais de Galicia durante o Paleolítico medio e superior contan cunha nova achega procedente do emblemático xacemento de Cova Eirós (Cancelo, Triacastela, Lugo). Unha investigación liderada desde a Universidade de Santiago de Compostela e na que tamén participou a Universidade de Vigo permitiu realizar por primeira vez unha identificación a grande escala de restos animais cazados e aproveitados por neandertais e humanos anatomicamente modernos mediante o emprego do ZooMS (Zooarchaeology by Mass Spectomety ou Zooarqueoloxía por Espectometría de Masas).
O ZooMS é un método baseado na asignación de categorías taxonómicas en función da identificación de secuencias peptídicas no coláxeno que se conserva nos ósos dos animais e comparándoos con bibliotecas de secuencias de referencia. Este método permite polo tanto identificar aqueles restos óseos que polo seu elevado grao de fragmentación non poden ser identificados mediante anatomía comparada, a base de calquera estudo zooarqueolóxico ou paleontolóxico.
Alimentación e comensalidade no mundo antigo: prácticas alimentarias e dinámicas sociais. Este é o título dun proxecto realizado desde a Facultade de Historia do campus de Ourense que tivo como obxectivo profundar no estudo da alimentación na antigüidade, atendendo non só aos alimentos consumidos, senón tamén aos significados sociais, simbólicos e políticos asociados á súa produción, distribución e consumo. Os seus resultados amosaron que a alimentación foi “un elemento clave na configuración de relacións sociais, identidades colectivas e dinámicas de poder nas sociedades antigas”.
O estudo foi realizado por un equipo da Área de Historia Antiga da Universidade de Vigo, con Helena López como investigadora principal e completado con Susana Reboreda e Borja Méndez, e concibiuse como “un espazo de diálogo científico con especialistas da área procedentes de distintas universidades e tradicións académicas”. Foi un dos beneficiarios da convocatoria a proxectos do persoal investigador na etapa de formación posdoutoral do campus de Ourense (Inou+PosDou Campus Auga 2025), financiada ao abeiro do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a UVigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga (2024-2027).
- Unha guía didáctica aborda a alimentación como patrimonio cultural, histórico e territorial
- A UVigo leva a súa experiencia en arqueoloxía e museoloxía a Etiopía
- Investigadores da UVigo analizan nunha publicación a representación política durante o franquismo e os inicios da democracia
- A UVigo participa na dixitalización do sepulcro do arcebispo Bernardo II