Hai tres anos a Facultade de Historia do campus de Ourense puxo en marcha a Olimpíada Galega de Historia co lema Fai historia con nós e co obxectivo de fomentar a paixón polo coñecemento do pasado entre os máis novos e novas. O prazo para que os centros educativos se inscriban para participar na súa terceira edición, que terá lugar o 22 de maio, xa está aberto.
A olimpíada foi presentada este luns por Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, acompañada de Josefina Cadilla, secretaria do centro. “Puxemos en marcha esta iniciativa cun obxectivo dobre, por unha parte reivindicar a importancia das humanidades e por outra visibilizar o noso Grao en Xeografía e Historia, a nosa facultade e tamén o campus de Ourense”, indicou Susana Reboreda na rolda de prensa de presentación. A cita, engadiu, ten un formato de olimpíada, “de concurso e non de exame ao uso”, coa idea de “reivindicar o aspecto lúdico da historia, de amosar que é posible estudala dun xeito entretido”. Ademais da colaboración de diversas vicerreitorías da Universidade de Vigo, a decana agradeceu na súa intervención a colaboración nesta edición de entidades como o Consello Social da Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia e o concello e deputación de Ourense, ademais de empresas como Coren, Grupo Cuevas, Editorial Galaxia e Caldaria.