Nun abrigo natural, nunha pequena cavidade de bloques e grandes laxes con dominio visual sobre o val que rodea o xacemento do Castelo de Lobarzán/A Ceadá das Laxes das Chas, nos concellos ourensáns de Monterrei e Oímbra, veñen de descubrirse pinturas rupestres da tradición esquemática, realizadas sobre granito, sendo os primeiros motivos en Galicia que se atopan neste tipo de soporte. O achado ten lugar no marco do proxecto de recuperación patrimonial, paisaxística e etnográfica desta área arqueolóxica que está a realizar un equipo de investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo.
Segundo explica Beatriz Comendador, directora do proxecto e arqueóloga do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo, con motivo dos traballos preparatorios para o proxecto de intervención no xacemento do Castelo de Lobarzán/A Ceadá das Laxes das Chas, “tivemos coñecemento da existencia dunhas posibles pinturas a través de J. L. Arias, que visitara o lugar conxuntamente con outros veciños do Rosal (Oímbra)”. Unha vez localizado o enclave por Beatriz Comendador e os arqueólogos Víctor Rodríguez e Nieves Amado, confirmaron “a existencia de pintura prehistórica conxuntamente con restos arqueolóxicos característicos dunha cronoloxía por volta do terceiro milenio antes da nosa era”, comenta a profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense.